8 de xuño de 2015

Guimarei descobre os seus encantos:::

Torre de Guimarei

A parroquia de Guimarei foi a escollida pola Fervenza de Ouzande para celebrar a última ruta de primavera de 2015. Unhas vinte persoas congregáronse ás 10 da mañá de onte, domingo, para iniciar unha ruta de 13 quilómetros polos distintos camiños e pistas de Ouzande, Guimarei e A Somoza. As primeiras paradas foron para o románico da zona,  tanto na igrexa de Ouzande coma a Torre e Pazo de Guimarei. A seguir a casa grande da Algalia e a igrexa de Guimarei. Neste punto visitaron a escalinata barroca que xunto á Torre de Guimarei e á igrexa de Ouzande constitúen elementos moi identificables na obra gráfica de Castelao. O patrimonio de Guimarei fíxose protagonista, pasando tamén polo Pazo de Xerlís e pola presa deste mesmo lugar. 
A Torre de Guimarei son de titularidade privada e están en ruína, a primeira é do século XII e o pazo do XVII, destaca pola monumentalidade da súa pedra. O Pazo da Algalia tamén se atopa en situación de abandono e só se puido entrever no medio da maleza. A igrexa de Guimarei é de estilo barroco e destaca pola fachada e torre monumentais así como polas escaleiras inmortalizadas polo propio Castelao na súa obra gráfica. O Pazo de Xerlís é o único que se rehabilitou en 2012, trátase dun pazo do século XVII, vivenda residencial dunha familia de escribáns beneficiados polas rendas de foros propiciados pola Igrexa naquela época. Na súa fachada destaca o brasón familiar. Actualmente destinase á hostelería, sendo escenario de banquetes e grandes eventos. Ao lado desta construción centenaria parte unha das presas de rega da parroquia.
Con esta andaina, péchanse as saídas de primavera, pero as rutas da Fervenza de Ouzande continuarán no outrono-inverno, tal e como indicaron na propia actividade.

Cruzando Alemparte.
Cruzando auténticos escenarios de película
A andaina percorreu 13km

Pazo de Guimarei
Pazo da Algalia
Igrexa de Guimarei e Pedralba
Pazo de Xerlís, hoxe destinado á hostelería.
Visitantes que se cruzan nos camiños

Ningún comentario:

Publicar un comentario