18 de agosto de 2016

Música e animación nas festas patronais de Ouzande:::

Dos 7 días de festa que hai en Ouzande, esta fin de semana pasada celebráronse as patronais, na honra a San Lourenzo e ao Santísimo Sacramento. Houbo celebracións relixiosas, con cinco primeiras comuñóns, verbenas con orquesta e polbeiro e mesmo animación coas IV Oulimpiadas.
Aínda que o día propio de San Lourenzo, patrón da parroquia, é o 10 de agosto, é tradición celebralo na fin de semana seguinte. Así o venres 12 comezaban os festexos cunha verbena. Houbo orquestra, polbeiro, inchables e festa ata ben entrada a madrugada. O sábado 13 pola mañá actuaron Os Ke Hai de Callobre no adro da igrexa antes dunha misa na que tres nenos da parroquia celebraron as súas primeiras comuñóns, procesión e sesión vermouth cun trío musical no Campo da Festa. Pola noite máis festa con dous tríos e inchables no mesmo lugar. A festa do domingo 14 había levar a Ouzande á Banda de Música Municipal da Estrada que ofreceu pasarrúas por distintos lugares da parroquia e concerto na igrexa. Houbo misa e procesión, nas celebracións eucarísticas outros dous cativos da parroquia celebraron as primeiras comuñóns. Tralo merecido descanso e xantares familiares chegou o momento dos IV Xogos Oulímpicos que convertiron o Campo da Festa nunha auténtica catedral da deportividade. Agora queda agardar pola romería do Socorro que se celebrará os vindeiros 9, 10 e 11 de setembro.






 




  




Ningún comentario:

Publicar un comentario