A semana pasada, e dentro do proceso de renovación de sinais viarios na zona, procedían á colocación dunhas polémicas placas en Santeles. O motivo é que unha delas indica que a parroquia de Aguións se atopa a tres quilómetros, pero usando a forma deturpada "Aguiones". Os veciños mostráronse molestos por este feito e agardan que se corrixa o antes posible. Desde a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia explican que a única forma oficial para este topónimo, tal e como recolle a Lei de Normalización Lingüística, é a que figura no Nomenclátor publicado pola administración autonómica. A forma "Aguiones" é unha deturpación, ou o que é o mesmo unha "falsa castelanización" pois os topónimos galegos foron creados en galego e non existen variantes en castelán.
Veciños da zona recordan un episodio semellante nos anos 90 cando se colocou unha placa identificativa do polígono industrial de Toedo e que durante uns días fixo que a parroquia estradense se convertese na provincia castelá de "Toledo".
O que podería ser un erro sen trascendencia xa provocou distintas reaccións nas redes sociais. Así, a Mesa pola Normalización Lingüística publicou unha foto no seu perfil de Facebook, que foi amplamente difundida por toda Galicia. Na Estrada, o grupo local de Podemos lamentou este feito pola mesma canle. Agora só queda restablecer o verdadeiro nome de Aguións. A administración responsable tanto do vial EP-7005 coma das placas de sinalización é a Deputación de Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario