24 de abril de 2016

O Ulla, o río con cancelas:::

O sol luciu durante toda a xornada de domingo logo dun longo período de chuvias, cuestión que animou a moitos veciños a gozar do medio natural. Ubicámonos na parroquia de Couso, ao pé do Río Ulla e encontrámonos a numerosos visitantes que pretenden acceder á ponte colgante que une esta parroquia estradense co Xirimbao. A pesar de aparecer como reclamo turístico de Teo e A Estrada, o certo é que se anuncia que o paso só se abre en período de pesca ata unha hora antes da posta do sol. E é que estamos ante a "Pasarela Marieta", unha ponte colgante feita ad hoc durante a ditadura para servizo de pescadores. Logo dunha remodelación é responsabilidade do coto de pesca e dos gardarríos que só permiten o acceso de turistas e curiosos durante os períodos hábiles para a pesca. Houbo un período en que permaneceu aberto pero o mal uso do público motivou que houbese control de acceso, xerando estas "cancelas" sobre o río. Deste xeito, a pesar de ser un reclamo potentísimo no municipio, este permanece pechado avivando a polémica sobre un dos iconos da comarca.




Ningún comentario:

Publicar un comentario