12 de maio de 2015

Ouzande celebra a X Ruta das Letras o domingo 17:::


Cartel das rutas de primavera
"Andamos e falamos", A Fervenza de Ouzande continuará este domingo co programa “Imos andar”, realizando a décima edición das Ruta das Letras. Segundo veñen de informar, teñen previsto nesta ocasión realizar a "ruta dos carreiros dos montes e as lagoas". A saída será ás 10 da mañá da igrexa parroquial de Ouzande e regreso ao mesmo lugar ás 13:30. Ao tratarse do Día das Letras Galegas, agasallarán aos participantes cun libro en lingua galega. A próxima ruta será o día 7 de xuño que visitarán a veciña parroquia de Guimarei. O pasado día 1 de maio celebraron a primeira das rutas coincidindo co Día do Traballo, aínda que estaba previsto acceder á zona de Arcos de Furcos e do Río Gallo, a asociación tivo que suspender a actividade e realizar un roteiro máis curto a causa das malas condicións do tempo.
Este domingo a zona a visitar serán as Lagoas de Zoo, os montes de Ouzande e A Somoza, o Encoro da Estrada, a zona de Monte Cabalar, o Monte Pedroso, entre outros atractivos. A ruta ten unha duración de 3h e media e remata na igrexa de Ouzande, onde obsequiarán cun libro ás persoas que completen os 12 km da ruta.
Imaxe da ruta do 1º de maio

28 de abril de 2015

O IES Antón Losada realiza un convívio coa veciñanza ouzandesa no marco do III Festival de Teatro Escolar:::

O pasado sábado, 25 de abril, celebrouse o III Festival de Teatro Escolar organizado pola Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez da Estrada “Avelaíñas Teatro”, xunto coa Asociación A Fervenza de Ouzande e o Concello da Estrada. Dentro desta actividade, ás 18 h. houbo unha visita moi especial á parroquia de Ouzande. Aínda que estaba previsto facer unha "ruta teatralizada" polos muíños da Fervenza, o mal tempo desaconsellou a visita e a organización realizou unha visita sucedánea aos locais sociais da parroquia ouzandesa. Alí, os alumnos da escola de teatro do IES Antón Losada Diéguez recibiron aos seus compañeiros dos Institutos de Ensino Secundario de Laxe, Melide e Palas de Rei. No canto da visita polos muíños, dividíronse en tres grupos que foron recibindo os tres autobuses e aos que lles ofreceron unha conxunción de propostas teatrais e musicais para descubrir o encanto do lugar e da súa historia e tradición. A parte máis chamativa foi a ofrecida pola propia veciñanza ouzandesa, pois presentáronlles aos escolares ás dúas formacións musicais da aldea, Retrouso e Recanto e ofreceron un didáctico coloquio entre o alumnado e as persoas da parroquia que foran moer aos muíños, compartindo recordo cos escolares. Descubriron as duras condicións de vida que rodeaban os traballos da moenda ou do transporte do millo ata a Fervenza. A actividade completouse no Teatro Principal da vila onde as distintas aulas de teatro ofreceron o seu bo facer escénico aos compañeiros das outras localidades.
 En palabras do director da Aula de Teatro do IES Losada, Alfonso García: "A palabra clave destes festivais é a interrelación e a búsqueda da relación entre alumnos de diversos lugares xeográficos de Galicia, a interrelación entre actores e actrices de diversas idades, de 3 a 100 anos. Tamén hai unha interrelación de xéneros literarios, xa que se puido contemplar teatro, pero tamén poesía, narrativa, música, todo mesturado nun contorno fantástico como Ouzande. Trátase non de competir, senón de mirar de igual a igual e intercambiar experiencias." De feito, tanto profesores como alumnos marcharon marabillados da experiencia, a pesar do mal tempo.
Membros de Retrouso e Recanto que tocaron e cantaros para o alumnado.
Alumnado de distintas idades conversou coa xente da parroquia.
Escolares ofrecendo un momento teatral e musical aos seus compañeiros.
A veciñanza explicou os duros traballos nos muíños.
O alumnado coñeceu de man dos seus protagonistas historias reais sucedidas nos muíños

19 de abril de 2015

Domingo sobre rodas na Estrada:::


A Estrada acolleu este domingo 19 a 2ª Ruta Popular organizada pola Peña Bikestrada. Unhas trinta persoas enfundáronse os seus culottes e maillots para concentrárense ás 10h na Praza do Concello da vila, de onde saíron pola zona de Penerada cara a Ouzande, subindo polas pistas forestais do monte desta parroquia e mais da da Somoza. Rodearon o Monte Pedroso, as instalacións de Monte Cabalar e coroaron a cima da Pedralba. Foron uns 20km de ciclismo de montaña en boa compañía. Non faltou o bo tempo.

Esta actividade completa o programa de Rutas Populares que está dirixido a persoas adultas e que se iniciara o pasado domingo 12 cunha ruta de 50 persoas pola zona de Liñares, Callobre e Guimarei.
Bikestrada tivo que cancelar por causa da chuvia a ruta infantil prevista para a tarde de onte, sábado 18. Anunciaron que se realizará o próximo sábado 25 e que será pola zona de Tabeirós. A que si se realizou satisfactoriamente foi a primeira, o pasado día 11 con 70 participantes, descorreu pola zona de Aguións, Toedo e Santeles, supoñendo uns 10 km de cicloruta.
A seguinte cita coa bicicleta de montaña será coa tradicional "Ruta do Salmón" que se celebrará o Día das Letras Galegas, o próximo 17 de maio. Unha ruta desta vez máis dura e dirixida aos amantes da BTT. Pódese consultar toda a información na súa web www.bikestrada.com.


17 de marzo de 2015

Callobre celebra unha nova noite de raíz con Nai, Ruadeiras, O Regato e A Requinta da Laxeira:::

A parroquia de Callobre volveu celebrar o sábado pasado nunha nova "Noite de Raiz". Con esta iniciativa, os seus promotores pretenden expandir as festas folk a todo o ano, a data é sempre a mesma; todos os segundos sábados de cada mes. E desta volta ampliaron a oferta musical con gastronomía, celebrando un xantar de confraternidade que estivo animado pola Requinta da Laxeira. Xa pola noite, celebraron a propia "Noite de Raiz" con tres raíces ben profundas; Nai, Ruadeiras e o Regato de Matamulleres. 
A Requinta da Laxeira é o grupo de Sarandón que maior difusión está a facer da Requinta da Ullla, caracterízanse por facer moita festa e levan xa varios discos publicados. Nai é unha formación máis intimista, capitaneada por Marcos Varela -coñecido por ser o "mestre" de gaita e acordeón da Fervenza de Ouzande- e As Ruadeiras son o grupo de pandereteiras de Loimil. Da casa estiveron O Regato de Matamulleres, promotores desta iniciativa que mes a mes se vai consolidadando na axenda festiva e cultural da zona.
Fotos: Regato de Matamulleres
Fofi, Patricia Quintela e Marcos Varela, integrantes de Nai.
O Regato de Matamulleres
Xantar de confraternidade.
A Requinta da Laxeira

16 de marzo de 2015

Disfunción Continua Teatro abriu a programación cultural de primavera de Cerdedo:::

O pasado sábado ás 19.30h inaugurouse a programación cultural da primavera do Concello de Cerdedo de man de Disfunción Continua Teatro que representou Eran outros tempos, ou non? Os estradenses continúan de xira con esta divertida comedia que levanta as risas e aplausos de nenos e maiores. As próximas actuacións serán en Salceda de Caselas o próximo domingo 29 de marzo e en xuño participarán no certame Poioescena, será o 26 ás 21h en Combarro. Mentres tanto continuará a programación cultural de Cerdedo; o sábado 21 con contacontos e o domingo 29 coa actuación da Banda de Gaitas de Barbude. En abril, o centro cercedense acollerá unha mostra de teatro local (sábado 11), contacontos (sábado 18) e un concerto da Banda de Música Xuvenil de Silleda (domingo 26). Tamén teñen previsto facer unha excursión a Lugo o xoves 30. En maio haberá un concerto da Banda Artística de Merza (sábado 9), cine con O Bosque Animado (domingo 17) e contacontos (Isi e Celso Sanmartín, o sábado 23)






Un coche cae por un barranco en Berres e arde unha cheminea en Ouzande:::

Varios sucesos mobilizaron os corpos de seguridade nas últimas horas. O pasado venres ás 21.50h o 112 recibía unha chamada de auxilio desde Berres, onde un vehículo saíra da vía e caira por un desnivel. Os ocupantes non quedaron atrapados polo que puideron acceder á estrada onde foron atendidos polos equipos médicos desprazados ao lugar do accidente.
E na tarde de onte os servizos de emerxencias da Estrada foron requeridos polos propietarios dunha casa en Ouzande, iniciárase un lume á altura da cheminea da vivenda e os propios donos foron capaces de apagalo antes da chegada dos bombeiros, que revisaron a situación. Afortunadamente non houbo que lamentar apenas danos.
Imaxe arquivo

8 de marzo de 2015

A Nave de Vidán acolleu un espectacular serán o pasado xoves:::

A Nave de Vidán foi escenario o pasado xoves 5 de marzo desde as 21.30h dun novo serán. A programación desenvolveuse como estaba previsto: un obradoiro de baile tradicional impartido por Rebeca Tallón e a actuación de Pana Raiada, Brincadeira, Retrouso, Recanto e actuacións libres para o remate. A festa tivo moito público que gozaron co bo facer das distintas propostas musicais e que aseguraron o baile durante toda a noite.