Hoxe é o último día das festas patronais deste ano en Ouzande. A noite do venres tivo moito éxito de público e foi moi animada grazas ás actuacións dos grupos tradicionais da zona (Retrouso, O Regato de Matamulleres e Os Berros do Castro).
Na mañá de onte Antaruxa (tamén con compoñentes ouzandeses) amenizou a procesión e saída da misa dándolle paso á sesión vermouth con Nebraska. Xa pola tarde celebrouse unha xuntanza na igrexa románica de Ouzande para que o cura párroco explicase os traballos realizados na recuperación do retablo das Ánimas. Aínda que non foi numerosa a asistencia por ser día de festa e por estar pouco anunciada esta charla, ás sete e media da tarde comezou a explicación do proceso de restauración e do contido iconográfico do retablo que ata o momento se mantiña oculto detrás do fume e humidade que cubría esta obra de arte descoñecida para a veciñanza. O retablo é do que se coñece como estilo barroco popular e non se sabe quen foi o autor desta obra rica e complexa. A escena principal que se presenta no mesmo é a da Redención, presentando o mundo terrenal e o celestial. Hai unha porta na parte mundana que se mantiña oculta e que simboliza a entrada aos ceos desde a terra. Na parte superior mesmo temos ao mesmísimo demo nunha escena onde trata de ser eliminado. A riqueza haxiolóxica está protagonizada por dúas mártires difíciles de distinguir; por un lado Santa Bárbara e polo outro unha imaxe moi semellante que podería corresponder a Santa Baia ou Santa Mariña.San Francisco aparece salvando aos homes do purgatorio, la Virgen del Carmen e a Santísima Trinidade ou San Miguel e o Anxo Custodio completan as escenas. O motivo do retablo é a redención das ánimas do purgatorio.
Pola noite foi notable a asistencia de público a unha festa que loitou fronte a unha mormaceira que quixo deslucir a verbena. Nebraska e o Trío Luzada foron os que animaron a mesma, a pesar de estar anunciada a presenza do Dúo Satélite no canto do mencionado trío musical. Hoxe durante a mañá está a actuar a charanga Os atrevidos nunha xornada dominada pola nubosidade e a baixada das temperaturas.
Para as sete e media da tarde dará inicio a actuación do Mago José Rivera que fará o peche destas festas patronais cun espectáculo cargado de ilusión e sorpresas.
A comisión de festas está a ultimar ao mesmo tempo a programación para as Festas do Socorro que decorrerán os días 9, 10 e 11 de setembro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario