21 de decembro de 2013

O ciclista Álex Marque recibe o apoio dos seus veciños nunha concentración na Praza do Concello da Estrada:::

A Praza do Concello da Estrada foi escenario este mediodía dunha concentración en apoio ao ciclista estradense Álex Marque Porto. 
Logo de traballar durante dez anos no ciclismo profesional portugués da man de distintos equipos como Continental ou Tavira, foi o gañador da primeira etapa da Vuelta a Asturias , terceiro no Campionato español de contrarreloxo e gañou a crono da ronda portuguesa. Hai uns meses coseguiu vestir o maillot amarelo na "Volta a Portugal 2013". De cara ao ano próximo fichou polo equipo español Movistar Team. O 13 de decembro o xornal El País sacou á luz o dato de que deu positivo en betaetasona no control da "Volta" portuguesa. Segundo este periódico, o Movistar Team podería deixar no aire o seu contrato co ciclista, ao que Álex Marque contestou publicamente nunha rolda de prensa informando de que este dato ofrecido polo xornal El País corresponde a un medicamento que tivo que tomar ante unha lesión nun xeonllo, cuestión que non alterou a súa participación na ronda portuguesa, posto que tanto a UCI coma os médicos estaban ao tanto deste dato. 
Polo momento, nin o  Team Movistar se manifestou nin o xornal El País se retractou das súas acusacións. A preocupación por estes feitos está provocando que sexan numerosas as entidades e persoas que apoien a Álex Marque, desde o ciclismo portugués e español, pero sobre todo en Galicia e concretamnete na Estrada, onde xa se artellou unha plataforma de apoio na rede social facebook e onde se convocou a rolda de prensa aclaratoria sobre o suceso.
Foron moitos os veciños, amigos e familiares os que este mediodía se achegaron á Praza do Concello da Estrada para mostrar o seu apoio, leuse un comunicado no que se explicaron os acontecementos e visualizáronse videos de amigos e profesionais do ciclismo que se quixeron unir á concentración desde a distancia. 
Álex Marque (no centro) arroupado por veciños, amigos e familiares


Lectura do manifesto en apoio ao ciclista estradense

A Praza do Concello da Estrada, repleta de xente.


Proxección de videos en apoio a Marque na pantalla da Praza do Concello

Ningún comentario:

Publicar un comentario