7 de xuño de 2010

Primavera chea de actividades na parroquia:::

A primavera de 2010 está a ser en Ouzande un fervedoiro de actividades. A asociación cultural vén de realizar dous roteiros a pé (un pola parroquia e outro pola Somoza) e maila excursión ás Terras de Monterrei, a Xunta Parroquial aínda está recollendo trala festa do Santo Antonio e xa se nos anuncian máis actividades. A primeira esta mesma semana, a ruta de sendeirismo ao Monte de Arcos. É o domingo de 10 a 1 e media da mañá e percorrerá os montes de Ouzande cara a Ferreiros para subir ao fermoso Castro de Arcos, desde o que ademais hai unhas vistas impresionantes. Nestes días esta zona está libre de maleza polo que a saída pode ser moi agradable. Na parte inferior desta información pódese ver unha foto de hai tres anos cando A Fervenza de Ouzande fixo por vez primeira esta saída con motivo do Día das Letras Galegas.
A próxima semana clausúranse os cursos de música e baile de Ouzande cunha festa en que o alumnado exhibirá todas as súas aprendizaxes do inverno. Será o día 19 ás 8 da tarde e a festa irá acompañada dunha boa merenda.
O mellor peche da primavera é o de Ouzande, a visita que todos os anos nos anuncia o Home do Saco e que sempre acaba no lume. Unha festa sinxela, máxica e divertida onde non faltará a música, os chourizos asados con varas de loureiro, a auga do San Xoan... e aquelas cousas das que nos queremos desfacer e que os festeiros anotan simbolicamente nun papel que meten no saco e posteriormente no lume. Será o 23 que cadra en mércores ao anoitecer.

Ningún comentario:

Publicar un comentario