19 de xaneiro de 2010

Un nutrido grupo de persoas realizan a visita guiada á igrexa de Ouzande dentro das Xornadas de Historia da Estrada:::


Organizadas pola Concellaría de Turismo do Concello da Estrada, a pasada fin de semana celebráronse as I Xornadas de Historia da Estrada. As actividades comezaron o venres 15 ás 7 da tarde na Sala de Exposicións de Caixanova e foron presentadas por Raquel Doce, teniente de alcaldesa.
Na primeira das palestras falou a catedrática en filoxía románica Mercedes Brea sobre o mundo trobadoresco. Animou ao público a perderlle o medo aos textos medievais e deu a coñecer o que se sabe sobre a lírica dos irmáns Pai Soarez de Taveirós e Pero Velho de Taveirós. Naturais desta parroquia veciña, naceron nas primeiras décadas do século XIII. Consérvanse quince cantigas de Paio no Cancioneiro da Ajuda e unha de Pero que se localizou no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa.
Anselmo López Carreira que é profesor de historia medieval na UNED explicou a existencia do Reino da Galicia medieval e o silenciamento que se fixo no século XIX da nosa historia por motivos políticos.
Un nutrido grupo de persoas foron as que realizaron a visita guiada á igrexa de Ouzande nunha xornada marcada pola choiva. Guiou a expedición Xosé Luna Sanmartín quen falou dos elementos máis característicos da nosa igrexa, matizando que A Estrada conta con outras vinte igrexas con orixe e restos románicos, sendo a de Ouzande unha das mellor conservadas.
Xa pola tarde do sábado pechou este guía as Xornadas cunha conferencia sobre o románico na comarca e destacando a importancia deste no contexto mundial, acentuou á nosa comarca como "a maior fábrica de románico de Europa", sen nada que envexarlle a Silos ou outros monumentos que figuran nos libros de texto dos institutos.

No mundo nom me sei parelha,
mentre me for como me vai;
ca ja moiro por vós, e ai!,
mia senhor branca e vermelha,
queredes que vos retraia
quando vos eu vi em saia?
Mao dia me levantei,
que vos entom nom vi feia!

E, mia senhor, des aquelha,
me foi a mi mui mal di' ai!
E vós, filha de Dom Pai
Moniz, en bem vos semelha
d' haver eu por vós garvaia?
Pois eu, mia senhor, d' alfaia
nunca de vós houve nem hei
valia d'ua correia!

— Cantiga da garvaia, Paio Soares Taveirós

Ningún comentario:

Publicar un comentario