22 de decembro de 2015

Teatro para despedir o outono en Ouzande:::

O pasado domingo, día 13 de decembro, o Local Social de Ouzande fíxose pequeno para acoller a última proposta da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande de cara á programación cultural do outono. Esta iniciativa contou coa colaboración do grupo de teatro Andaravía de Vedra, que trouxo á parroquia ouzandesa a súa peza infantil "Brinca Contos". A parte baixa do local abría as súas portas ás 18h reconvertida nun teatro e que había albergar unha obra de algo menos de 1h de duración. Cun interesante xogo de luces e unha posta en escena impresionante, destacou o vestiario que sorpendeu ao público, así como o efecto provocado nos asistentes que mesmo pasaron medo ao ver as "bruxas" de Brinca Contos, pero a cousa non foi para tanto e as disputas entre as dúas protagonistas habían chegar a bo trato grazas a outros personaxes que mesmo contaron contos cos que rebaixar a tensión no ambiente. Aínda que é unha peza infantil, os adultos tamén gozaron desta proposta escénica grazas ás reflexións sobre a vida e as aprendizaxes relativas á natureza e ao mundo en que vivimos. Con esta exitosa activiade, a Fervenza de Ouzande pechou o programa outonal e xa anunciou unha ruta a pé dentro do período de nadal, que se ha celebrar o vindeiro día 25 de decembro.








Ningún comentario:

Publicar un comentario

Sígueme por correo electrónico:::