21 de novembro de 2011

Este domingo festa de aniversario da Fervenza de Ouzande:::

Este domingo ás 6 da tarde, Ouzande está de estrea. Será a do documental creado pola Fervenza de Ouzande para celebrar o seu X aniversario. Trátase dun filme de máis dunha hora de duración no que os protagonistas son 70 persoas ligadas á asociación que foron entrevistadas este verán. Aborda o documental a creación da entidade así como as valoracións que fan os propios socios destes dez anos de andaina. As distintas actividades aparecen descritas nas voces das persoas entrevistadas. Andar carreiros, dez anos da Fervenza de Ouzande é o seu título e supón unha iniciativa pioneira en Galicia ao recoller os testemuños de tanta xente creando unha liña argumentativa na espontaneidade das persoas entrevistadas.
O MOME será o seguinte sitio onde se presente e irá acompañado dunha exposición sobre estes dez anos da Fervenza.
A proxección do domingo estará acompañada dunha merenda e convívio. Para aocoller máis comodamente a exibición instalaranse dous canóns de proxección nos dous locais máis grandes do palco e poñerase a cinta nestes lugares ao mesmo tempo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario