O próxmo 1 MAIO DE 2012 a Fervenza de Ouzande botarase aos carreiros de Ouzande, unha ruta gratuíta e aberta a ouzandeses e visitantes, unha oportunidade única para coñecer un pouco mellor a parroquia:
ACCESOS: Hai que sair da igrexa de Ouzande (A Estrada), situada a 700 do centro urbano da vila en dirección sur; rúa Pérez Viondi e travesía de Ouzande (sinalizada). A igrexa está a man esquerda.
PUNTO DE PARTIDA / CHEGADA: A citada igrexa, é unha ruta circular, alí hai sitio para estacionar os turismos.
PERCORRIDO: 9 quilómetros, atravesando os diferentes lugares de Ounzande (O Formigueiro, Alemparte, O Redondo, O Picoto, O Castro e O Tallo) polos antigos carreiros e camiños, reparando en diferentes puntos de interese como fontes, lavadoiros e antigas calzadas. Unha parte do roteiro cruzará o monte de Ouzande, con numerosas carballeiras e pequenos bosques de acivros.
Tamén percorreremos un tramo da Ruta da Fervenza e muiños de Ouzande.
DIFICULTADE: baixa
DURACIÓN: 3h
MATERIAL: levar roupa cómoda (chándal, botas de montaña…) e ter en conta a predicción metereolóxica.
SAÍDA: 10:00h
REGRESO: 13:00h
PUNTOS DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:
-Igrexia de Ouzande: É de estilo orixinalmente románico, conserva elementos da época coma os canzorros que son únicos na zona ao representaren pecados condenados pola Igrexa. Tamén destaca o seu arco central, o agnus dei, o retablo barroco do Carme…
-Cruceiros: hai dous que están nas inmediacións da igrexa, un deles é dos máis antigos da zona, foi recollido por Castelao en *As Cruces de Pedra da Galiza .
-Muíños da Fervenza: conxunto formado por sete muíños distribuidos en pouco máis de cincocentos metros, o máis antigo data do S.XVIII. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóutonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación do curso fluvial do regueiro da Fervenza, salgueiros, ameneiros…). Destaca a orografía que crea neste punto a famosa Fervenza, aínda que son numerosos os cachóns ou pichos, ao longo desta parte de percorrido fluvial na nosa ruta.
-Vistas panorámicas: fermosas vistas paisaxísticas cara ao val do río Liñares co monte da Rocha ao fondo. Tamén se divisa neste percorrido a vila da Estrada desde numerosas perspectivas, así como a cidade de Compostela, o val do río Ulla, Pico Sacro, montes da Somoza, Torres de Guimarei…
Ningún comentario:
Publicar un comentario