24 de abril de 2016

Escolares da Estrada, Laxe, Melide e Palas de Rei interaccionan coa natureza da Fervenza de Ouzande:::

Que a aprendizaxe non se circunscribe unicamente ao ámbito dos pupitres demostrárono hoxe o centenar de escolares que se mimetizaron coa natureza na Fervenza de Ouzande. Trátase dunha iniciativa conxunta de varios centros escolares de secundaria que organizan "roteiros teatralizados" polas súas contornas naturais e hoxe os anfitrións foron os alumnos e alumnas do IES Antón Losada Diéguez da Estrada. Ás 11 déronse cita no Teatro Principal da Estrada para mostrar o bo facer dos grupos de teatro de cada centro e contra as 13h achegábanse en autobuses a Ouzande onde foron recibidos por membros da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande con quen descubriron de primeira man esta paraxe natural. Os máis de 100 visitantes organizáronse en dous grandes grupos e foron guiados polos alumnos estradenses pola Costa da Labrada e carreiro das Tomadas cara ao Muíño do Rubio. Polo camiño os propios escolares recitaron poemas no medio dos carballos e acivos e chegados ao seu destino puideron ver unha escena teatral na que un home de negocios falaba por teléfono indignado porque naquel lugar "coidado" todo estaba como cando era neno, imposibilitando que puidese investir en negocios de comida rápida. Cun sorriso nos labios, os rapaces e rapazas foron guiados polo son dunha muiñeira cara a canle do Muíño do Rubio onde os agardaba unha representación de Recanto para cantarlle un par de pezas subidos a un escenario natural moi especular. Confundíndose os sons da música e as voces so marurio da auga, a ruta proseguiu ata a propia Fervenza, onde un profesor lles contou un conto breve. O regreso cara a a aldea había ter unha parada máis, desta volta para que un grupo de rapaces contasen dúas historias recollidas no lugar baixo os carballos da Carballeira do Cura. Acto seguido dirixíronse ao Campo da Festa de Ouzande onde gozaron dun xantar campestre, quedando citados para a próxima ruta que han celebrar en Laxe o 28 deste mes.
Desde o IES Antón Losada mostrábanse contentos e orgullosos polo ben que saiu a actividade ao tempo que recordaban que era a terceira vez que o intentaban facer. Aínda así en 2015 chegaron a facer unha actividade alternativa no Local Social de Ouzande en substitución da camiñata e que resultara moi satisfactoria.





Ningún comentario:

Publicar un comentario