A Fervenza de Ouzande comezará esta semana a súa programación de actividades culturais para esta primavera. Na tarde do vindeiro sábado haberá unha reunión para dar a coñecer unha novidosa actividade dirixida a persoas maiores, un curso de "musicoterapia" impartido por Natalia Carbajal.
Outras das iniciativas que compoñen o porgrama de actividades da primavera son as "rutas a pé" do programa "imos andar" que se levarán adiante os días 1 e 17 do vindeiro mes e o 9 de xuño. Os lugares escollidos para camiñar son a propia parroquia de Ouzande e as veciñas da Somoza e Taberirós.
Tamén está previsto que haxa unha charla sobre os "coidados do coidador" no mes de maio.
En xuño terá lugar a tradicional excursión, concretamente o día 2 e con destino en terras do interior. Nese mesmo mes, o 23 celébrase a festa do lumeiro, actividade coa que se pechan as iniciativas primaverais da Fervenza de Ouzande.
O curso de musicoterapia ten como obxectivo a mellora de habilidades e capacidades tales como a memoria, a capacidade comunicativa e de linguaxe, a concentración e atención, o equilibrio... así como o aspecto psicolóxico (mellora do estado de ánimo ou da autoestima). O método de traballo baséase no uso da música como elemento de comunicación con un mesmo. A idea é que este sábado as persoas interesadas fixen o horario que mellor lles conveña, en función da demanda e das posibilidades establecerase o calendario e horario das distintas sesións que compoñen este curso. Ofrece máis información A Fervenza de Ouzande no seu blog; www.carreiros.blogspot.com
Cartel do curso de musicoterapia que organiza A Fervenza de Ouzande |
Ningún comentario:
Publicar un comentario