Aparece en Caldas de Reis" Camilo" o can comunitario de Ouzande desaparecido o pasado mércores.
A pasada noite a alegría chegaba a Ouzande tras coñecerse a nova da aparición de "Camilo", o can comunitario que levaba tres días en paradoiro descoñecido. Unhas veciñas atopábano san e salvo en Caldas de Reis e rapidamente a nova propagouse pola parroquia.
Camilo é un can abandonado que hai tempo rondaba por Ouzande e que soubo gañarse a amizade dos veciños. Ao xeito dos antigos "porquiños de Santo Antonio" convertiuse na mascota compartida dos ouzandeses. Pero o pasado mércores a súa desaparición causou alarma entre os seus donos compartidos, que iniciaron unha campaña para atopalo, buscárono polos lugares que frecuentaba, preguntaron por el e mesmo fixeron unha pegada de carteis coa súa foto. Logo de tres días en paradoiro descoñecido, e sen ter a máis mínima noticia sobre el, a pasada noite chegou a nova con final feliz sobre a desaparición de Camilo.
O can que ía ás tapas á Estrada
A simpatía de Camilo non queda só nos camiños do Redondo ou o Tallo, entre os seus costumes está o de ir cara á Estrada e sentar atento nas terrazas dos bares á espera de que caia algún anaco dos ricos manxares que na vila acompañan as consumicións dos clientes. Camilo chama a atención dos condutores por respectar escrupulosamente os pasos de peóns. Can afable, cariñoso e simpático coma ningún é normal que tivese preocupados aos veciños trala súa desaparición, por iso hoxe Ouzande celebra a boa nova.
Camilo na foto do cartel que usaron para a súa busca. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario