Será este sábado, cadrando coa véspera de San Xoan e no Campo da Festa de Ouzande. A benvida á estación do sol, do verán será máxica segundo apuntan desde a organización. A Fervenza de Ouzande prevé recoller xa pola tarde as herbas purificadoras da auga e chegada a noitiña converter a morea de restos vexetais que xa teñen disposta no Campo da Festa nun monumental lumeiro. Para completar a festa haberá carro con bebida e comida, polo que se pode ir cear ao lugar. É tradición que cadaquén ase o seu propio chourizo nas brasas da fogueira.
O momento máis esperado é contra a anoitecida cando unha máxica procesión musical e de persoas vestidas con roupas escuras e cirios nas mans aparece no recindo para levar ao seu HOME DO SACO cara a fogueira. Previamente os asistentes escriben aquilo que desexan queimar e métenllo no saco para desfacerse do peso no desexo. Finalmente as gaitas e as danzas rodean o lumeiro ata se faga pequeniño para poder ser saltado segundo marca a tradición.
A festa do Lumeiro é unha cita histórica de Ouzande, que xunta á veciñanza darredor da tradición e da música para darlle a benvida ao tempo das flores e dos cultivos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario