2 de setembro de 2012

"GO ON" de MALASOMBRA TEATRO o vindeiro domingo no Campo da Festa de Ouzande:::

O vindeiro domingo, coincidindo coas festas do Socorro, a Compañía MALASOMBRA TEATRO actuará no Campo da Festa. Será unha comedia protagonizada por Xoque quen quixo compartir esta exitosa peza coa veciñanza. Será ás 19.30h

Autor: Xosé Luis Prieto Dirección: Marcos Orsi Escenografía: Carlos Alonso Son: Malasombra Iluminación: Malasombra Vestiario: Carlos Alonso
Elenco artístico / formación: Jouse García e Xoque Carbajal

Logo da chegada do home á lúa á humanidade só lle faltaba un reto: a chegada do home a Galicia. No ano 2010 (ano 25 despois de Gayoso), dous intrépidos exploradores tiveron o valor de adentrarse nas descoñecidas terras galaicas a través da ruta xacobea.

"GO ON!" recopila esta experiencia límite que deixa aos do "Al filo de lo imposible" como simples boyscouts.

"GO ON!" é unha emocionante novela de aventuras na que os seus protagonistas viven situación extremas como o terrible ataque do despiadado can de palleiro ou a entrevista a un porco no corredor da morte.

"GO ON!" é un completo folleto turístico que servirá para que outros ousados viaxeiros saiban como conseguir alimento nas festas gastronómicas ou como identificar á Santa Compaña.

"GO ON! é un manual de supervivencia imprescindible para saber como viaxar nun tren galego a velocidade negativa cheo de galegos cantando cancións populares ou como ser porco e sobrevivir no San Martiño.

"GO ON! é unha guía de primeiros auxilios con recomendación necesarias como que facer logo de ser salvaxemente agredido por un toxo ou que facer logo de limparse o cú con ortigas.

"GO ON!" é a conferencia que percorre o mundo dende Burgos a Arkansas desvelando os misterios máis íntimos de Galicia e os seus habitantes, como cal é a orixe da frase "non me toques os suevos", cada canto tempo cambian as sábanas os da Santa Compaña, ou cal é a resposta definitiva á pregunta máis trascendente de todas as preguntas: "Que din os rumorosos na costa verdecente?"

"GO ON!" . Unha odisea cómica no espacio galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario