20 de outubro de 2012

Celebran o centenario do casamento de Castelao:::

Onte cumpríronse 100 anos do casamento do histórico autor e galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Virxinia Pereira. Por este motivo, a Asociación Vagalumes organizou varias actividades para realzar a figura do insigne autor.
Hoxe ás 16.30h comeza no cemiterio de Figueroa o "Roteiro Amoroso de Castelao". Escollen este punto pois é onde xacen os restos mortais da muller e do fillo. Posteriormente pasaráse por puntos da vila relacionados coa vida de Castelao e Virxinia; a pensión onde quedaba o rianxeiro cando viña visitar á súa moza da Estrada, o lugar onde estaba a igrexa onde casaron, o Casino onde foi o banquete no actual café "A Farola", a casa da familia en Pérez Viondi. Este paseo pola vila sairá a dúas parroquias da Estrada de especial interese para a faceta artística do homenaxeado, xa que acostumaba a dar longos paseos por Ouzande para gozar coa fermosa estampa da ábsida románica da igrexa parroquial ou de sentar ao pé do cruceiro a parolar. A outra parroquia é Guimarei pois a súa torre medieval tamén foi obxecto da mirada de Castelao. 
Xa ás 8 do serán e na Sala de Exposicións de Caixanova, na Estrada, van presentar un cómic sobre a vida de Alfonso Daniel, neste acto estarán Ignacio Vilariño (guionista), Xoán Carlos Garrido (especialista na vida e obra de Castelao) e Fantoches Bag de Lalín (representarán algún fragmento desta banda deseñada).
Estes actos son libres e gratuítos.

 Pintura da igrexa de Ouzande feita por Castelao, exposta no Museo de Pontevedra


 Fotografía de Castelao


 Unha das poucas fotos de Castelao e Virxinia no día do seu casamento
 Pintura da estradense Virxinia Pereira, esposa de Castelao

Cartel das actividades da Asociación Cultural Vagalumes

Ningún comentario:

Publicar un comentario