11 de maio de 2013

A Ruta das Letras sobe á Pedralba:::

O Monte da Pedralba será o destino deste ano no día das LETRAS GALEGAS. Así o vén de anunciar a Fervenza de Ouzande, organizadora da actividade e quen, cada ano mestura natureza, deporte e letras galegas. Desta volta o homenaxeado é o autor teatral Roberto Vidal Bolaño. A saída é algo máis cedo que de costume pois a ruta é un pouco máis longa que o habitual xa que ten como obxectivo subir ao alto do monte da Somoza para gozar dunhas vistas espectaculares, será algo así como subir ao cumio da Estrada para vela dende o aire ao mesmo tempo que se goza das vistas sobre a Ría de Arousa, dos montes da provincia de Ponteveda, da área do Deza e Trasdeza, da conca fluvial do Ulla e do Liñares e, mesmo, se o tempo está claro poderáse adiviñar boa parte da provincia da Coruña. Para chegar alí usaranse camiños cubertos de pólas de carballo e acivros. Á volta agasallarán aos camiñantes con libros e non descartan algunha que outra sorpresa. Esta é a segunda das rutas a pé desta primavera e unha das que máis espectación levanta pois achégase xente de distintos lugares que queren aproveitar esta data festiva para coñecer un pouco máis a nosa zona e gozar co mundo das letras desde unha perspectiva lúdica. Pódense consultar todos os datos técnicos no blog da asociación cultural A Fervenza de Ouzande.

vistas desde a Pedralba

bestas pacendo no monte da Somoza

A Estrada desde a Pedralba


Ningún comentario:

Publicar un comentario