6 de agosto de 2013

Atracan o Cash Froiz e maila gasolineira de Liñares:::

O pasado venres día 2 de agosto, o almacén de venda ao por maior ubicado ao pé da EP-7001 (A Estrada-Forcarei) entre o Cano Sifón e O Zarabeto sufriu un atraco a punta de pistola. Os feitos aconteceron sobre as nove do serán cando tres individuos entraron no citado local con pasamontañas e armados con pistolas e coitelos. Obrigaron ao empregado que naquela hora estaba no establecemento a entregar o diñeiro dispoñible e mailas chaves do seu coche particular. Este accedeu ás indicacións dos atracadores e non houbo que lamentar consecuencias maiores.  Os atracadores abandonaron o lugar no coche roubado, que foi encontrado horas máis tardes en Figueiroa, na zona do Cemiterio Municipal. Desde a empresa de distribución alimentaria recoñeceron o feito pero non lle quixeron dar maior importancia para evitar darlle publicidade. Así mesmo, o empregado afectado cursou a correspondente denuncia. Non se sabe a canto ascende a cantidade de diñeiro roubado. Lamentablemente este non é un feito aillado, pois na madrugada do pasado mércores tamén foi asaltada a gasolineira ubicada na parroquia de Lagartóns, desta vez con importantes danos no local. Non se sabe se existe relación entre os dous sucesos e as forzas de seguridade manteñen aberta unha investigación para esclarecer estes feitos tan graves.
Nave de Distribuciones Froiz S.A. na EP-7001 nos lindes entre Ouzande e Guimarei


Ningún comentario:

Publicar un comentario