2 de agosto de 2013

Ouzande ultima os preparativos das festas patronais:::

 O vindeiro venres día 9 de agosto ás 10 da noite comezan as actividades das festas patronais de Ouzande cunha verbena amenizada pola orquesta estradense GALILEA que presentará o seu espectáculo Galilea 2013. Ao escenario tamén subirá a cantante Pili Pampín que este ano celebra o seu 22 aniversario como cantante. María del Pilar Villar Rivas tomou xa desde o inicio este nome artístico en referencia ao Restaurante Pampín  que seu pai rexentaba na vila de Padrón. Nos seus últimos discos deu un xiro a pezas do repertorio tradicional e cara ás rancheiras. Unha das súas últimas fazañas ante o público foi nun programa da TVG chamado "O Clan dos Impostores" onde tivo que desempeñar distintos oficios.
Agárdase que a verbena do venres atraia a moita xente, para o cal a Polbeiría Porta instalará un carro no Campo onde se servirá o típico polbo e churrasco.

O sábado día 10 a festa comeza á unha do mediodía cos actos relixiosos en honra ao patrón da parroquia, San Lourenzo. A seguir a sesión vermouth estará amenizada polo DÚO DISEÑO. Pola tarde a festa xa se traslada ás casas particulares e pola noite está programado que o DÚO DISEÑO e mailo DÚO MAREA amenicen a velada.
A festa do domingo día 11 está dedicada ao Santísimo Sacramento e os actos relixiosos son á unha e media. Durante a mañá a CHARANGA OS ATREVIDOS fará un pasarrúas pola aldea, animando á veciñanza a achegarse á sesión vermouth. A festa non dá tregua e pola tarde actuará o MAGO TOÑO, cunha función dirixida a todos os públicos. O Mago Toño xa é coñecido en Ouzande logo de ter actuado en varias ocasións, unha das características deste artista estradense é que non hai dous espectáculos iguais, así como que non deixa de sorprender ao público con xogos e ilusión. O humor é o outro ingrediente polo que é ben recibido en Ouzande tal e como se puido comprobar nas actuacións anteriores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario