5 de agosto de 2014

Couso, San Xurxo de Vea e Ouzande ultiman os seus festivais folk:::

As parroquias de Couso e San Xurxo de Vea ultiman os preparativos para sendos festivais folk. O Val de Vea tómalle o relevo a Callobre marcando os vindeiros  14 de agosto e 5 de setembro en vermello no calendario festivaleiro da comarca. Couso inaugura o próximo mércores 14 de agosto a súa festa ás 17:00h cun espazo chamado  DE TROULA EN TROULA e que consiste en xogos tradicionais para todas as idades, con XANDOBELA. Media hora máis tarde, ás 17:30 abre a feira de artesanía galega ARTECOUSO Contra ás 19:00h e co título de "PASEO, PUNTO, VOLTA" celebran un obradoiro de iniciación ao baile tradicional, con Marcos Botana. Chegados ás 20:30h a Asociación Tamparrantán de Vea presenta "POR CAMPAR, RABEAR" unha exposición de indumentaria tradicional. Contra a noitiña, ás 21:45h e baixo o suxerente título de "RUADIÑA HAINA HAINA" faise unha ruada aberta, que será antesala dos concertos no palco e que comezan ás 11 da noite da man das PANDEIRETEIRAS DE TOUTÓN que han presentar o seu disco ‘Serán en Toutón’, OS CARAPAUS e  RADIO COS. Calandracas animarán a festa a pé de campo. O festival alongarase ata altas horas da madrugada.
Por outra banda e saltando ao 5 de setembro, venres, un pouco máis arriba de Couso, en San Xurxo de Vea e a partir das 10 da noite, continúa festa co IV Festival Folk "SanXurxodeVea" e que contará coa música de Son´s da Mina de Fontao (Vila de Cruces), co espectáculo de Ce Orquesta Pantasma, o Regato de Matamulleres de Callobre e os festeiros Ghusto do Boi de Lestedo de Boqueixón.Ao venres seguinte, o 12 de setembro, a música folk ten unha nova cita, desta volta en Ouzande co festival "Fervenza de Músicas". En próximas datas desvelarán o cartel das formacións que animarán esta festa que cadra co inicio das festas do Socorro. Nos tres festivais folk haberá polbeiro e postos de bebidas.
Imaxe de arquivo das Nosas Músicas.
Imaxe de arquivo do Festival Folk de San Xurxo de Vea

Imaxe de arquivo da Fervenza de Músicas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario