20 de outubro de 2014

Alarma polos vertedoiros incontrolados ao pé do punto limpo da Estrada:::

Un dos vertedoiros incontrolados.
Camiños e parcelas próximas ao punto limpo da Estrada cheos de residuos. Na zona pódense ver estos de electrodomésticos, cascallos de obra, mobles ou pneumáticos. 
As inmediacións do Punto Limpo e do Matadoiro Comarcal da Estrada estanse a converter nos últimos anos nunha especie de escaparate de todo tipo de residuos urbanos. Os que máis esparcidos están son os restos de electrodomésticos, en concreto as carcasas de lavadoras, frigoríficos, lavalouzas ou conxeladores, pero sen ningún resto de compoñentes electrónicos como cables ou motores. Un dos materiais de cor amarela que cae desas carcasas aparece cada vez máis ciscado por camiños e parcelas. A medida que camiñamos pola zona do Monte de Ouzande, podemos ver restos de pneumáticos ou cascallos de obra, algúns perfectamente organizados en bolsas do lixo ou almacenados en moreas de azulexos ou tellas. Mobles, plásticos e latas completan tan desagradable exposición.
Hai anos, cando o vertedoiro comarcal se situaba no Monte do Alto da Cruz, o problema eran bolsas de lixo que os animais esparexían pola zona, coa clausura deste punto de recollida e queima de lixo urbano, o problema foi desaparecendo, máis aínda cando se abriu o Punto Limpo da Estrada. Pero a medida que foron pasando os anos, esta zona volveu ser obxectivo dos desperdicios fóra de lugar. 
As causas que nos apuntan os veciños pódense clasificar en tres focos, por un lado todo apunta a que hai persoas que acodan ao Punto Limpo fóra de horario e deciden deixar os seus despoxos nos camiños próximos. Outro foco pode ser que non existe na zona un punto de recollida de restos de obra, polo que as persoas que realizan pequenas reformas e non saben como tratar estes residuos incumpren as normativas medioambientais deixándoos nas inmediacións do Punto Limpo. Un terceiro foco pode estar naqueles que recollen chatarra polas casas e deciden deixar os restos que non poden aproveitar. O caso é que todas estas accións son constitutivas de delitos que a administración pode penar con cantidades millonarias.
O Punto Limpo da Estrada está aberto os xoves e venres de 9 da mañá a 1 do mediodía e os sábados de 10 da mañá á 1 do mediodía e de 4 a 7 da tarde, sitúase no lugar de Penerada, xusto detrás do Matadoiro Comarcal. Os residuos poden ser levados por conta propia sempre que non teñan natureza industrial e só hai que deixar os datos persoais e os datos da natureza do residuo a almacenar. Existe un teléfono para solventar dúbidas (649490623).
Ata o momento, o Concello da Estrada ten retirado moitos dos restos do monte, pero os vertedoiros propáganse constantemente, incluso por parcelas e camiños de Ferreiros, xa no veciño concello de Cuntis. Ademais a zona está sendo escollida nos últimos tempos por múltiples deportistas que desexan conectar co medioambiente preto do casco urbano da Estrada, pero os corredores, ciclistas ou camiñantes teñen que tropezarse con esta estampa pouco atractiva do monte de Ouzande.

Polos camiños espállanse os restos do lixo.
Materiais de obra perfectamente embalados en sacos de lixo.
Estampa pouco turística no monte de Ferreiros.
Os lugares escollidos teñen fácil acceso.
Carcasas de electrodomésticos.
Estampa outonal frecuente na pista de Zoo

Ningún comentario:

Publicar un comentario