A noite do venres 1, en Orazo, déronlle a benvida ao entroido cunha gran festa de disfraces. Estivo organizado pola comisión de festa de Santa Lucía e contaron coa atracción dunha orquestra e un grupo de música tradicional. Ofrecéronlle aos visitantes orellas e chourizos e premios para os disfraces máis divertidos.
GUIMAREI RECUPEROU O ENTROIDO INFANTIL
O domingo 15 e no local social de Outeiro, a Asociación de veciños Santa Apolonia recuperou o "Festival de Entroido Infantil", foi a partir das 16.30h e ofreceron agasallos aos pequenos que foron disfrazados. Cabe recordar que en 2014 non se puidera realizar esta actividade debido ás obras de reconstrución do local do Outeiro logo da súa destrución no nadal de 2013. O luns 16 a parroquia celebra a Santa Apolonia, ao mediodía acturán os gaiteros de Barbude e pola noite celébrase a multitudinaria verbena con festa de disfraces e premios para os que se inscriban.
OUZANDE APRAZA "MEDIEVOU" PARA O SÁBADO 21


MONUMENTAL ENFADO EN COUSO POLO "ATRANQUE" DA GARDA CIVIL
O tradicional entroido de Couso viuse ensombrecido pola presenza de axentes da Garda Civil. O que en principio parecía unha visita para reforzar a seguridade nos atranques dos Xenerais, de contado se convertiu nun pesadelo, sobre todo para os organizadores que pese a ter pedidos todos os permisos, tiveron que prescindir das carrozas que prepararan con dedicación ao non estar habilitadas para o transporte de persoas. O enfado aumentou cando os propios axentes argumentaron que se estaban alí era para multar, ameazando con facerlle a proba de alcoholemia aos mesmos xenerais. A festa continuou a partir de aí a medio gas, sen carrozas e a pé polos distintos lugares de Couso e O Souto de Vea. Os atranques infantís foron os máis aplaudidos, e a medida que avanzou o día aumentou a participación da veciñanza que desafiou á constante ameaza da choiva para ver os debates dialécticos de Correos e Xenerais. As consecuencias deste "atranque" ao Entroido de Couso hase estender a outras parroquias que tiñan previsto participar este martes no entroido urbano da Estrada e que desta maneira non poderán saír dos seus lugares de orixe.
![]() |
Preparando encontro no Souto de Vea. |
![]() |
Atranque no Campo da Festa de Couso. |
![]() |
Atranque no Campo da Festa de Couso. |
A ESTRADA INSTALA UNHA CARPA PARA PROTEXER O ENTROIDO DA CHUVIA
Na Praza do Concello instalaron unha carpa que acolleu distintas actividades do entroido urbano ata hoxe e que se complementará cos desfiles de disfraces e atranques de Xenerais de hoxe e mañá.XA o venres este espazo acolleu unha festa do grupo "irmandinhos da Estrada" e o SÁBADO unha festa infantil pola tarde, que se tivo que retrasar polo mal tempo. Pola noite houbo unha festa temática ambientada nos anos 60 e que contou coa actuación de "Micky" quen interaccionou cos asistentes. Ao remate a festa estendeuse polos locais de copas, que ofreceron premios aos que ían disfrazados. A Praza do Concello volveu ser escenario na tarde do domingo dunha festa para maiores e na que actuou un dúo musical. Arestora A Estrada mira ao ceo coa esperanza de poder celebrar o desfile que está previsto para as 17:00h. Mañá martes Atranque de Xenerais na Estrada e en principio está previsto que varias parroquias participen con comparsas e carrozas, aínda que nestes momentos os sucesos de onte domingo en Couso deixen no aire esta posibilidade. As parroquias que tiñan previsto participar son Moreira, Riobó, San Miguel de Castro, Oca, Lagartóns, Couso, San Xurxo de Vea, Callobre, Arnois, Berres e Guimarei. Tamén se conta cun clásico no Entroido da Estrada, o Padre Xiao, quen non deixa títere con cabeza e a escola de música e baile Sondodance que animará a tarde.
En Oca está previsto que estes sábado 21 o entroido se traslade á escola da localidade, mentres que os xenerais de Santeles teñen unha cita tanto o sábado coma o domingo ás 19:00h. no Campo da Festa. Estes entroidos compleméntanse cunha cea de comadres que se celebrou na vila e co baile de disfraces que lle ofrece o Recreo Cultural aos seus socios cada ano, foi o pasado sábado á noite.
Ningún comentario:
Publicar un comentario