O vindeiro sábado 5 de decembro ás 21h e no Teatro Principal, DISFUNCIÓN CONTINUA TEATRO estreará na vila da Estrada a súa nova produción "Teimas". Trátase dunha comedia de 80 minutos de duración dirixida por Jouse García. Teimas é a terceira produción desta compañía local de teatro independente e amador. O custe das entradas é de 3 euros e pódense adquirir tanto nas dependencias do Concello da Estrada coma no restaurante "Argentinos Burguer" e na tenda de comercio local "Calzados A Esquina". Tamén se poden adquirir na billeteira do propio teatro antes da función.
O elenco desta produción está composta por 7 actores e actrices do municipio: María Porto, Clara Iglesias, Nati Carbajal, Bea del Río, Guille Pose, Gonzalo Valcárcel (da Esquina) e Manu Rosende.
A obra narra o encontro dunha serie de pacientes que acoden á consulta do Doutor Teixeiro. A conversa entre os pacientes que agardan polo afamado doutor derivará nunha tola interacción chea de humor coa que máis de un se ha sentir identificado.
Esta é xa a terceira obra producida pola compañía local que comezou a súa andaina con "Cóncavo Convexo" e que experimentou un éxito substancial coa obra "Eran outros tempos, ou non?" tal é así que continúa en cartel.
"Teimas" foi estreada en Palas de Reis e representada no festival "Cotomanguelo" de teatro así coma na localidade trasdezana de Ponte. Trala estrea na Estrada, Disfunción Continua levará o nome do municipio por distintos puntos de Galicia con novas funcións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario