16 de agosto de 2012

"UHA NOITE NO MUÍÑO" CELEBRARASE ESTE SÁBADO 18 DE AGOSTO:::


A festa que cada ano organiza a Fervenza de Ouzande no entorno do Muíño do Rubio vai ser adiantada en relación a outros anos. Víñase celebrando a finais de mes e, desta volta, programárona para o próximo sábado 18 á noitiña.
Esta é unha das festas máis peculiares que se celebran en Ouzande ao ter que levar a cea tipo "pic-nic" para o citado muíño. Pero antes hai que atravesar desde o lugar do Topete por unha congostra ás escuras onde sempre hai algunha sorpresa. Unha vez alí vívese unha fermosa convivencia onde as familias cean en harmonía baixo os centenarios carballos e ao carón do Regueiro da Fervenza. Posteriormente, a música e o baile prolongan a festa ata que o corpo aguante.

14 de agosto de 2012

13 de agosto de 2012

Especial FESTAS PATRONAIS 2012:::


Veñen de rematar as festas patronais de Ouzande, a continuación ofrecemos un video especial que recolle en imaxes os momentos máis significativos destas celebracións que desdeo pasado venres 10 encheron a parroquia de música, alegría e deporte.

9 de agosto de 2012

Comeza a conta atrás para os III Xogos OUlímpicos da nosa eira:::


O próximo domingo as festas de Ouzande van ter un evento moi agardado, pois só acontece cada catro anos, trátase dos XOGOS OULÍMPICOS. Será ás seis da tarde no Campo da Festa.
A medida que vaian chegando, os participantes poderán irse inscribindo de xeito totalmente gratuíto, a continuación recibirase o fachico oulímpico de haberá un desfile Oulímpico. As probas comezarán ás sete da tarde e durarán ata as oito e media, hora en que se entregarán as coroas e medallas correspondentes.
Os curiosos deportes que si serán oulímpicos nesta edición son os seguintes:
-Baixada de augas mansas, desde o Campo Vello ata o actual.
-Levantamento de carozo, ao estilo tradicional e coa axuda da sabedoría dos máis maiores da casa.
-100 metros pavón, en circuíto pechado e con paciencia.
-Baloncegho, haberá que encestar aínda que non se vexa moito.
-Xincarreta carrexando sen parar nunha carreta e sen que caia nada
-Biciclentas, onde gaña o último en chegar.
-Saltos sincronizados entra como nova proba oulímpica, de seguro causará sensación.

O COU (Comité OUlímpico) anunciou que haberá Bebedeiro Oulímpico para os participantes.

Ademais no programa da radio galega [un sitio á sombra] emitiron unha entrevista onde se dán detalles destas probas, se pinchas no nome do programa podes acceder ao audio desa entrevista.

5 de agosto de 2012

Retrouso continúa a súa xira de presentación do disco "OU":::

O grupo ouzandés RETROUSO está a promocionar o seu primeiro disco. Baixo o título de "Ou" en referencia ao topónimo que identifica a nosa parroquia xa ten á venda o CD en distintos lugares, entre eles a Taberna de Ouzande. Tamén se pode escoitar en directo o seu bo facer, as próximas citas son as festas patronais (o sábado ao mediodía) e mais no festival folck de Couso (14 de agosto)
A produtora deste seu primeiro traballo "Abrigueiro" vén de subir á rede un video con imaxes relativas ás sesións de gravación.


2 de agosto de 2012

"As beiras do Ulla" chegan ao Festival Internacional de Lorient:::


E levan representación local pois ata alá viaxa a integrante de Retrouso Noelia Bouzón acompañando á Agrupación folclórica Tequexetéldere e maila cultural A Pontevella da Pontevea. Estas dúas formacións presentaron unha candidatura conxunta cun espectáculo de recreación do noso folclore tradicional en relación ao espazo físico e cultural das beiras do Río Ulla.
Na páxina web oficial deste festival preséntase o espectáculo “Danzas ás beiras do Ulla” con 24 bailaríns, 14 pandereteiras e un corpo instrumental de oito persoas con gaitas, percusión e acordeóns.
Estarán de xira pola Bretaña durante a duración deste festival, dende mañá e ata o día 13.

1 de agosto de 2012

OS PRÓXIMOS 10-11-12 DE AGOSTO CELÉBRANSE AS FESTAS PATRONAIS:::

As festas patronais de SAN LOURENZO de Ouzande hanse celebrar os próximos 10, 11 e 12 de agosto. Xa se poden ver pola comarca os programas anunciadores do evento que organiza a Xunta Parroquial ouzandesa.
Para o VENRES 10 está prevista unha verbena coa actuación da orquestra GALILEA e mailo DÚO DISEÑO. Instalarase un posto de churrasco e polbo para poder cear no Campo da Festa.
O SÁBADO 11 logo das celebracións relixiosas na honra do patrón San Lourenzo actuará o grupo ouzandés RETROUSO para amenizar a sesión vermouth. Xa pola noite dúas formacións de animación musical tomarán o Campo da Festa para darlle luz e cor á máxica noite de San Lourenzo, trátase do DÚO LUZ DE LUNA e mailo TRÍO SABOR.
O DOMINGO 12 a CHARANGA OS ATREVIDOS percorrerá a parroquia xa pola mañá e mais animará ao mediodía a festa que se lle dedica ao Santísimo Sacramento.
Ás seis e media da tarde celébrase unha festa moi especial, pois é tempo dos III xogos OULÍMPICOS que maxistralmente organiza a asociación cultural A FERVENZA DE OUZANDE, escoitamos ao seu presidente no programa de radio "UN SITIO Á SOMBRA" da RADIO GALEGA nunha emisión do pasado domingo 27 de xullo...