25 de novembro de 2012

A Xunta Parroquial presenta diversos proxectos ante a veciñanza:::

A Xunta Parroquial de Ouzande vén de expoñer varios asuntos nunha reunión celebrada esta tarde. O primeiro deles foi informar de que esta entidade xa ten CIF e polo tanto está constituída como asociación legal, xa que ata o momento a Xunta Parroquial de Ouzande non podía acceder á solicitude de subvencións, entre outras cousas. O nome é "Asociación de Veciños Manuel Castiñeiras" en honra ao que foi cura párroco de Ouzande.
O tema que centrou a reunión foi a intención da Xunta veciñal de facer un local destinado a almacén no lado esquerdo do local social. Terá un frontal de dez metros e o mesmo fondo que o palco. O motivo da reunión era pedir acordo para facer esta obra e todos os asistentes (40) acordaron que si, pois non hai que poñer diñeiro aínda que si man de obra. Xustificaron a necesidade deste espazo e valoraron os problemas que podían aparecer na obra. 
Desde a Xunta repasaron algunhas cousas que se levan feito ou que se solicitaron a outras administracións e que están en marcha, algunhas son competencia do Alcalde de Barrio que estaba presente na reunión e que recalcou que non se lle pode pedir moito ao Concello. Un deses temas que preocupaba aos asistentes é o arranxo de pistas pois coa chuvia estas están en mal estado. Solicitáronlle ao Concello o arranxo dalgunhas mais outras meten auga nas parcelas particulares, coma -por exemplo- no lugar do Picoto.
A organización das festas foi outro tema que suscitou debate pois os asistentes entenden que non serve de moito gastar o diñeiro en contratar orquestras se logo isto non supón unha participación das mesmas, polo que a Xunta o terá en conta na organización dos eventos festivos de 2013.

As pistas en mal estado foron tema de debate

Ningún comentario:

Publicar un comentario