27 de novembro de 2014

Cinco anos atrás da noticia local:::

O PORTAL DE NOTICIAS cumpre hoxe cinco anos. O 27 de novembro de 2009 publicábase a primeira entrada anunciando o arranque dun blog de noticias que naquel momento aínda non tiña nome "Nace www.ouzande.blogspot.com, un espazo para a información de Ouzande". Co tempo foi tomando forma e nome, primeiro O Portal, logo O Portal de Ouzande e, finalmente, cadrando con este quinto aniversario pasou a denominarse "Portal de Noticias". Os contidos tamén foron in crescendo a medida que aumentaba a audiencia. Os temas relativos á parroquia de Ouzande non deixaron de ser os protagonistas, pero nos últimos anos aumentou a xeografía informativa cara a outras parroquias veciñas. Persoas, actividades, sucesos... todos eles de carácter local e con interese informativo foron os protagonistas neste cinco anos de andaina. A audiencia aumentou sobre todo a medida que se deu a coñecer nas redes sociais, na actualidade o Portal ten un espazo en facebook desde o que redirixir as noticias máis destacables. En canto os asuntos máis lidos, este sería o ranking das cinco noticias que neste tempo se colocaron no top de visitas: 
5. Ouzande botouse a andar (13.10.2013)
4. A Estrada recibe a primavera con "Cantos de Taberna" (22.03.2014)
3. Pesar polo falecemento de Don Olimpio (25.11.2014)
2. Ponte da Constitución pasada por auga en Ouzande (09.12.2009)
1. Callobre despide a Santa Margarida ao ritmo da Funçao Pública (21.07.14)
O Portal de Noticias serviu neste tempo para conectar lectores de todo o mundo, é curioso que unha parte importantes de lectores proceda do estranxeiro, por orde estes serían os países que máis o len: USA, Rusia, Portugal, Alemaña, Brasil, Francia, Ucraína, Reino Unido, Países Baixos, Polonia e Andorra.
 Este medio é un blog editado por Manuel de Topete, unha iniciativa privada, particular e altruísta que non conta con ningún tipo de ingresos nin públicos nin privados e que procura ofrecer información mediada de canto acontece no entorno máis próximo.
Primeira noticia publicada polo Portal de Noticias en 2009
Imaxe actual do Portal

Ningún comentario:

Publicar un comentario