4 de novembro de 2012

Xa hai 18 persoas nas clases de canto tradicional:::

Nos últimos anos, en Ouzande foise creando unha auténtica escola de música tradicional. A Fervenza de Ouzande comezou a ofertar pandeireta, baile e gaita. A veciñanza acolleu de bo grao esta oferta formativa, tal foi así que foi in crescendo e houbo que ofertar acordeón, percusión... Este verán, na festa dunha "noite no muíño" comezouse a corear "clases de canto xa", e así foi. A asociación cultural pediulle ao entregado profesor de gaita, Marcos Varela un pouco de axuda. O máis complicado foi fixar un horario, pois este debía ser os sábados ás dez da noite. O que en principio parecía un incoveniente, en poucas semanas convertiuse nunha cita imprescindible en Ouzande. Comezaron con "Camariñas" e co "Cantar do Arrieiro", foise unindo máis e máis xente; na actualidade hai 18 alumnos de moi distintas idades nas clases. Levan poucas sesións, pero xa contan de cantar o día 17 de novembro ante o seu primeiro público; a veciñanza que acoda á festa do Magosto na parroquia.
O éxito destas clases radica en que non se preparan para "actuar" no sentido convencional da palabra, senón que a xente vai "para aprender", tanto en canto coma no resto das disciplinas. A maior parte quere saber cancións, tocar algún intrumento ou bailar para poder participar nas fermosas festas con que A Fervenza de Ouzande agasalla constantemente ao público.


Un momento ao inicio dunha das clases do grupo de canto tradicional

Ningún comentario:

Publicar un comentario