A VIII Ruta das Letras desafiou esta mañá ás condicións metereolóxicas e foi capaz de subir ao alto do Monte da Somoza. Pasadas as 9:30h da mañá partían da igrexa de Ouzande uns 25 camiñantes cara ao Picoto para ascender polos camiños do monte cara ao alto de Pedralba, a uns 630 metros de altitude. As previsións de mal tempo non frearon aos camiñantes que se defenderon con chuvasqueiros e paraugas das ameazas de treboada. Durante a ruta houbo varios momentos de emoción, como cando unha importante manda de cabalos se cruzou no seu camiño ou no momento en que unha treboada de auga e sarabia quixo frear aos sendeiristas a poucos metros do punto xeodésico da Pedralba. O regreso fíxose polos camiños das carballeiras da Somoza coa melloría do tempo. Xa no adro da igrexa de Ouzande, os organizadores agasallaron aos participantes con libros para celebrar o Día das Letras, pero tamén tiñan unha sorpresa preparada para honrar ao autor teatral Roberto Vidal Bolaño, a quen se lle dedica este día. Fixeron a lectura dun anaco da Bailadela da Morte Ditosa, escenificando a historia dun mozo que se encontra coa morte e que lle pide que cando teña que ir para onda ela, que o avise.
Con esta ruta, A Fervenza de Ouzande vai avanzando na programación cultural da primavera, as próximas citas son o día 2 de xuño coa excursión anual e o día 9 con unha nova ruta a pé, desta vez por terras de Tabeirós.
|
Foto de grupo antes da saída |
|
Camiño do alto da Pedralba |
|
Foto da Victoria, no punto xeodésico do monte |
|
Un momento de aventura entre grandes toxos |
|
Lendo a Roberto Vidal Bolaño |
|
e de premio, libros |
Ningún comentario:
Publicar un comentario