Hoxe comezou o mes de maio en Ouzande cunha camiñata organizada pola Fervenza de Ouzande. Ás dez da mañá dábanse cita na igrexa parroquial unha quincena de persoas preparadas para botarse a andar pola parroquia. En total foron uns 10km de ruta que se prolongou ata a unha do mediodía. Arrancaron pola parte de atrás da igrexa para observar de preto a ábsida románica do templo parroquial e logo foron cara ao Formigueiro por disintas pistas e camiños da parte leste da parroquia. Subiron cara ao monte de Ouzande desde a Moroza para desviarse por distintas pistas forestais da zona da Somoza e volver para o medio da parroquia polos Muíños da Fervenza e maila Fonte do Redondo. Posteriormente baixaron do Picoto pola calzada cara ao Redondo e así deron fin á ruta ao pé da centenaria igrexa que fora o punto de saída. As boas condicións atmosféricas do día de hoxe foron favorables para a realización desta ruta, aínda que os ceos estaban totalmente cubertos e tiraba un pouco de aire frío, ao botarse a andar de contado se entrou en calor. A próxima "Ruta a pé" ha ser o vindeiro día 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas.
|
Pouco despois da saída, polos camiños cara ao Formigueiro |
|
O grupo atravesa unha zona de eucaliptos no Monte de Ouzande |
|
Houbo tempo para recrearse |
Ningún comentario:
Publicar un comentario