30 de agosto de 2013

Anuncian a obra das beirarrúas na marxe dereita desde o Tallo e ata a igrexa parroquial:::

Comitiva municipal explicando o proxecto. Foto: La Voz de Galicia
Ouzande recibiu onte a visita dunha comitiva encabezada polo alcalde do municipio, Xosé López, e que estivo acompañado por representantes da empresa Taboada e Ramos así como dun técnico municipal e de dous veciños. Nesta visita anunciou que en setembro continuarán as obras das beirarrúas desde o lugar do Tallo e ata a zona da igrexa parroquial, pero só polo lateral dereito segundo se camiña cara ao sur. Esta obra consistirá nuns metros de vital importancia para a seguridade viaria na parroquia e consistirá no levantado dunha beirarrúa, iluminación e mobiliario urbano; bancos e papeleiras. Desde a igrexa e ata o entroncamento da Costa da Labrada non haberá beirarrúas, pero si unha senda peonil asfaltada. Recentemente vénse de facer un foxo de formigón cun forte desnivel, que segundo o rexedor estradense deixa un metro entre a calzada e o desaugadoiro, sendo este o espazo a asfaltar. Os veciños explicáronlle ao alcalde a necesidade de prolongar as beirarrúas pero este informou que por falta de diñeiro hai que conformarse con esta medida, comprometéndose na medida do posible a realizar a ampliación máis adiante. Outro problema que abordou a comitiva foi o tratamento das augas que cada vez que chove chegan á estrada provincial, inundándoa e enchéndoa de lama. Ante o problema tratarán de facer as drenaxes axeitadas na zona a obrar. A obra fora anunciada xa para o mes de xaneiro e orzamentada en 500.000 euros, con esta visita chega o anuncio de que se realizarán no entrante de setembro e por 130.000 euros procedentes do “Plan de Investimentos” da Deputación de Pontevedra (PID) de 2012. Coa mingua do investimento, a parte relativa á humanización correrá a cargo de fondos municipais. O anuncio da ampliación das beirarrúas foi ben acollido pola veciñanza, aínda que con desilusión a causa da dilatada historia do proxecto e que parece condenado a rematar por non ser executado na súa totalidade.

O tramo a construír vai dende O Tallo e até a
igrexa de Ouzande (500m)

Ningún comentario:

Publicar un comentario