23 de agosto de 2013

O peche de rúas na Estrada na etapa previa ao inicio da Volta a España provoca importantes engarrafamentos:::

Moitos condutores que este mediodía trataban de atravesar a vila da Estrada víronse sorprendidos con que a rúa Pérez Viondi e as Avenidas de Benito Vigo e Pontevedra así como todas as transversais estaban cortadas. Tentar esquivar este peche aínda se complicaba máis para quen trataba de buscar ao longo da estrada de Pontevedra ou de Forcarei unha escapatoria, pois a Garda Civil e a Policía Local mantiveron pechados todos os cruzamentos durante máis dunha hora. O motivo deste inesperado atranco foi a celebración da marcha ciclista "Pedaladas polo recordo" que saíra do Porto de Vilanova de Arousa ás 9:30 da mañá e na que participaban afeccionados ao ciclismo de toda Galicia. 

longas ringleiras de vehículos íanse acumulando nos accesos á Estrada
A organización desta proba corría a cargo da Deputación de Pontevedra e Unipublic e pretendía publicitar o inicio mañá da Volta Ciclista a España. Esta proba fora anunciada hai meses como "Etapa de la Vuelta" pero decidiron cambiarlle o nome e denominala "Pedaladas polo Recordo" en homenaxe ás vítimas do fatal accidente ferroviario do pasado 24 de xullo. A ruta tiña 130 km de lonxitude e saía da beiramar aurousá cara a Caldas de Reis, atravesaba Moraña e Campolameiro para enfilar por Cerdedo e así entrar na Estrada por Sabucedo, Codeseda... e na vila por Pérez Viondi, Avenida de Benito Vigo, Avenida de Pontevedra, abandonando A Estrada polo Alto da Cruz cara á Anllada, Cuntis, Caldas e con remate no Monte Lobeira. Ao mesmo tempo había unha miniruta de 7km desde o porto da Basella e ata o Monte Lobeira.
Algúns afeccionados da zona participaron nesta actividade
A que se presumía unha solleira xornada de ciclismo afeccionado bateu de cheo coa paciencia de centos de condutores que a hora punta se viron atrapados nas rúas da Estrada. As forzas da orde carecían de información sobre a duración do peche e este alongouse no tempo ao espallarse o paso de ciclistas pola vila. Ás 14:30 o tráfico estaba aberto mais aínda seguían pasando afeccionados en bicicleta no medio dos coches. A parroquia de Ouzande resultou especialmente afectada pois as vías que a rodean estiveron cortadas, provocando que moitos veciños non puidesen acceder ás súas casas en coche á hora de xantar.
Prevese que a situación se volva repetir o vindeiro martes, desta volta co paso dos profesionais que arrancan a marcha en Lalín cara a Fisterra. Á Estrada chegarán procedentes do Deza por Oca-Moreira-Callobre, entrando pola N-640 e atravesando este vial ao longo do entramado urbano para seguir por Castroloureiro, Portela, San Andrés de Vea, O Souto de Vea, Couso, Pontevea e Vedra e de aí cara a Santiago e a Costa da Morte. Polo momento non hai notificacións oficiais destes cortes de tráfico.
Un grupo de ciclistas atravesando a Avenida de Pontevedra
Os cortes de tráfico afectáronlle especialmente ás Rúas Pérez Viondi e Avenidas de Benito Vigo e Pontevedra





Ningún comentario:

Publicar un comentario