Resultados electorais por número de concelleiros. |
A xornada de onte, domingo 24 de maio, quedará na memoria local coma unha noite "de infarto" para os distintos grupos que concurrían ás eleccións municipais. E é que ata que chegaron todos os datos das mesas electorais non quedou clara a cor política da que se había tinguir A Estrada de cara aos catro próximos anos. Coa chegada dos datos da mesa do Teatro Principal completouse a contaxe. Deste xeito, o Partido Popular conseguiu os 11 concelleiros da maioría absoluta. José López volverá ser alcalde do municipio estradense nesta lexislatura. As reaccións non tardaron en manifestarse, na sede dos partidos respirouse incerteza ata o último minuto. O alcaldable polo PSOE, José Antonio Dono, con 8 concelleiros, anunciou tan pronto se coñeceron os resultados que deixará o seu labor no municipio estradense logo de 4 anos de alcalde e outros 4 na oposición. Mar Blanco, de MÓVETE, mostrou o seu malestar por estes resultados pero contenta por conseguir un concelleiro que lle dará a posibilidade de fiscalizar xa desde o Concello o traballo do grupo popular. O BNG pola súa parte conseguiu outro concelleiro quedando de cuarta forza política, Xosé Magariños agradeceu o apoio do electorado e anunciou outros catro anos de servizo á cidadanía. Ofelia Lema, de A Estrada PODE, non quixo facer declaracións tras uns resultados que non lle deixaron representación no Concello.
Durante a xornada electoral non houbo grandes incidentes a salientar. Na mesa da Casa da Música tiveron que paralizar as votacións por un erro dun votante que introduciu dous sobres. Na maior parte das mesas os resultados estiveron moi igualados, na mesa de Ouzande os resultados foron de maioría para o PP con 132 votos, PSOE obtivo 52, MÓVETE 35, BNG 11 e A Estrada PODE 6.
Ningún comentario:
Publicar un comentario