8 de agosto de 2016

Ouzande réndese ante o encanto dos Xogos Oulímpicos:::

Cada catro anos o mundo estremece e emociónase ante o encanto dos Xogos Oulímpicos que teñen o seu epicentro no Campo da Festa de Ouzande, desta volta conmemórase a cuarta edición. Será este domingo ás 18.30h e con modalidades deportivas aptas para todos os públicos.
O importante non é gañar, que as medallas son para quen se divirte. O importante é realmente participar e vivir a emoción dos xogos máis orixinais de todas as eiras, pois é a eira comunitaria da parroquia ouzandesa a que acolle o verdadeiro espírito de tan ancestrais xogos. 
Segundo informou A Fervenza de Ouzande, organizadora dos xogos, terán probas clásicas moi exitosas en edicións precedentes, pero tamén novas modalidades adaptadas aos tempos que corren. Nunha delas, e baixo o nome de "Baixada de augas mansas" pretenden que o público ademais de participar se refresque pois teñen a dureza de seren probas baixo o sol de agosto. Outras son máis enxeñosas, coma o "levantamento de carazo" onde hai que ter reflexos e equilibrio. Pericia tamén é necesaria para a xincana dos oulímpicos, chamada "100 metros pavón". E nestras probas os que teñan puntería levan vantaxe, sobre todo no "balóncegho". O motor estará apagado nas modalidades con rodas, coma a "xincarreta" ou as "biciclentas" onde o mérito non reside precisamente na velocidade. Non faltarán os "saltos sincronizados"ou o "Rebola, bóla" e neste ano un misterioso personaxe non quere perder a oportunidade de colarse nos xogos, será o "Pikachocú".
Toda a emoción do xogo estará aderezada por un estrito protocolo que fará a velada do máis lucida con desfile oulímpico incluído. 
Os participantes, de todas as idades, teñen que estar no Campo Oulímpico de Ouzande ás 18.30h para proceder á inscrición que é gratuíta. Será rápida pois o desfile da chegada do facho oulímpico arranca ás 19h para pouco despois ter o desfile e incio do xogo. Ás 21h remata a actividade coa entrega de medallas e coroas oulímpicas. A organización ten previsto un bebedoiro oulímpico para a hidratación de participantes e público e mesmo venderán camisetas conmemorativas, pois estes IV xogos oulímpicos coinciden co XV aniversario da Fervenza de Ouzande.

Os XOGOS OULÍMPICOS forman parte do programa das FESTAS PATRONAIS DE OUZANDE (ler programación)


imaxes de arquivo III Xogos Oulímpicos





VIDEO III XOGOS OULÍMPICOS
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario