5 de marzo de 2022

As "mulleres valentes" de Rosa de Cabanas expostas na Casa das Letras da Estrada ata o 18 de marzo:::

A Casa das Letras da Estrada acolleu o pasado venres 4 de marzo a inauguración da Exposición “Mulleres Valentes” creada pola ouzandesa Rosa Herraiz, máis coñecida como Rosa de Cabanas. Trátase dunha mostra de 52 retratos femininos que recollen a imaxe de mulleres que por un motivo ou polo outro se poden calificar de “valentes”, ou o que é o mesmo, a exposición pon rostro a 52 mulleres silenciadas e que aportaron á sociedade desde a ciencia, a cultura, o activismo social e político, o laboral... A autora non estivo soa, senón que moi acompañada polo numeroso público que se achegou ao antigo colexio “José Antonio”, hoxe Casa das Letras.

O acto estivo presentado por Lueiro, quen deu paso á autora quen agradeceu a colaboración das distintas persoas que axudaron a que esta exhibición vise a luz, como Casal de Creación na enmarcación, ou aos colaboradores na montaxe, así como ás persoas que mediante as redes sociais fixeron as súas suxestións e animaron a Rosa no seu traballo. A continuación a especialista en historia da arte, Carmela Sánchez Aríns, expuxo unha visión da mostra desde unha perspectiva técnica e entrevistou á creadora, dando máis información de todo o proceso. Finalmente o Concelleiro de Cultura agradeceu á creadora por esta contribución á actividade cultural local; está inserida dentro da programación de celebración do 75 aniversario do Teatro Principal da Estrada.

A mostra xurdiu coma un reto persoal no que Rosa pretendía visibilizar rostros de mulleres importantes na historia local, galega e internacional ao tempo que afondaba en novas técnicas creativas, todas elas co fío condutor do retrato. Para que fose reto de verdade propúxose sacar unha imaxe nova cada semana, de aí que haxa 52 retratos. A enmarcación de alta calidade contribúe a darlle aínda máis valor ao traballo final.

O traballo compleméntase cunha mesa de creación onde se poden ver os bosquexos dalgunhas das obras e con visitas dos centros escolares da contorna, así cun material didáctico sobre o empoderamento da muller para que o alumnado poida traballar nas aulas e aprender máis destas figuras.

A colección das 52 “mulleres valentes” pode ser visitada na Casa das Letras desde agora e até o 18 de marzo, en horario de 9.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.30 horas de luns a venres e mailos sábados de 10.00 a 13.00. Unha boa maneira de celebrar o día internacional da muller traballadora que se estende a boa parte do mes.

 





 


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario