15 de xuño de 2016

A Fervenza de Ouzande ata fíos para crear unha manta solidaria:::

Onte martes, 14 de maio, ás 21h , celebrouse no Local Social de Ouzande o acto de entrega dunha manta realizada polas tecedeiras da asociación á ONG galega Implicadas no desenvolvemento. A historia solidaria desta manta é longa e moi interesante, pois foi solidaria antes de nacer. En 2014 celebrouse na parroquia un curso de tecido e trapillo que uniu solidariamente un grupo nutrido de mulleres. Unha vez rematadas as aprendizaxes continuaron xuntándose semanalmente todos os martes ás 20h no mesmo lugar para dun xeito autonomo ir aprendendo novas cousas relativas ao tecido, ganchillado ou outras artes do textil. O intercambio foi moito máis alá do meramente técnico e xerou unha amizade e confianza que sería impensable no inicio. Varios membros do grupo colabora na ONG Implicadas no Desenvolvemento e propuxeron facer algo xuntas para colaborar con este proxecto. A idea materializouse nunha manta colaborativa que onte presentaron ante os medios mentres entregaban a Implicadas. Será, xunto con outros obxectos solidarios, o premio agasallo a un sorteo de rifas que fará esta ONG o próximo mes de xullo nun festival a favor das Mulleres da India na área recreativa do Areal de Berres.
Velaquí un video e fotografías dunha manta que ten moito máis que fío de algodón, un produto feito polas mans solidarias das ouzandesas.


14 de xuño de 2016

A Fervenza de Ouzande celebra unha festa este domingo 19 de xuño para conmemorar os seus 15 anos de vida:::


15 anos para unha asociación son moitos anos, máis aínda cando é tan dinámica como A Fervenza de Ouzande. Nos seus obxectivos iniciais estaba dinamizar a vida sociocultural da parroquia, pero foi moito máis aló, converténdose na asociación cultural de referencia da bisbarra. 
A festa de aniversario vai consistir nunha gran comida comunitaria no Campo da Festa de Ouzande ás 14h deste domingo 19. Para o efecto haberá unha gran carpa e ao remate prevén un festival de música a cargo das distintas disciplinas da escola de música, así coma de grupos convidados que durante estes 15 anos tiveron relación coa entidade. Segundo anuncia a Fervenza de Ouzande aínda é posible anotarse na taberna de Ouzande ou ben poñéndose en contacto coa asociación en facebook ou no correo carreirosouzande@gmail.com.
O menú que ofrecen é o seguinte: Empanada, polbo, churrasco mixto, patacas fritidas, ensalada, sobremesa caseira, café e chupitos. O prezo, para as persoas adultas é de 20 euros; para os menores de 12 anos, de 10 euros; e para os mozos e mozas de 12 a 18 anos, será de 15 euros. 
A Fervenza de Ouzande vén realizando centos de actividades moi variadas e grazas ás cales conseguiron dinamizar culturalmente a parroquia, dotándoa dunha importante estrutura de música tradicional, de rutas e excursións de disitnto tipo, actividades divulgativas, festas cíclicas e actividades que sempre se caracterizaron pola súa orixinalidade e calidade. Con motivo do 10 aniversario fixeron, entre outras cousas, un documental no que unha socia pedía que a próxima festa de conmemoración fose unha polbada, e así será.






4 de xuño de 2016

Teatro e humor a favor dos refuxiados saharauis:::


Unha función benéfica a favor dos refuxiados saharauis, ese será o motivo polo que Disfunción Continua Teatro ofrecerá un novo pase da súa exitosa peza teatral "Teimas". A Asociación Sogaps (Solidariedade galega co pobo saharaui) que realiza cada ano o programa "vacacóns en paz" é quen organiza a cita de mañá domingo 5 de xuño, será ás 19.30h no local da Asociación Cultural A Pontevella, de Reis (Teo) As entradas estiveron á venda para A Estrada en Calzados A Esquina, a un prezo de 5 euros.  Aínda quedan billetes que se poñerán á venda antes da función na billeteira do local socia, ubicado en Pontevea (Reis-Teo)

A historia que nos conta TEIMAS lévanos á consulta do Doutor Teixeiro, lugar ao que van chegando unha serie de personaxes con cadansua teima.  A conversa entre os seis pacientes que agardan polo afamado doutor derivará nunha tola interacción chea de humor coa que máis de un se ha sentir identificado. Dirixida por Jouse García conta no Elenco con Gonzalo d´A Esquina, María Porto, Clara Iglesias, Guille Pose, Natalia Carbajal, Bea del Río e Manuel Rosende. A duración aproximada desta función é de 1h e 15min.


Ouzande destapa os segredos máis ocultos da Coruña:::

A Fervenza de Ouzande realizou o pasado domingo, 29 de maio a súa excursión anual, unha das actividades máis exitosas da entidade e que provoca máis expectación. Tal é así que nin a publicitan. Todos os socios e persoas que coñecen a organización destas "rutas" tan especiais non o queren perder baixo ningún concepto. O motivo radica no orixinal deseño dos itinerarios destas saidas que posibilitan o coñecemento ameno dos lugares e a convivencia do grupo. Acompañamos este ano á Fervenza de Ouzande rumbo á cidade herculina. O autobús serve para crear bo ambiente ente os viaxeiros e para fornelos de datos relativos á cidade e que posibilitan que no desembarque seaxn coñecedores dalgúns dos seus segredos que, pouco a pouco, se poden descobrir in situ. A mañá foi para coñecer o mar da Coruña, Riazor, Orzán, a Torre de Hércules... un lugar cheo de lendas e mitos e que foi a antesala dunha das actividades máis aplaudidas da xornada, a visita á Casa dos Peixes, onde os ouzandeses puideron coñecer de primeira man os coidados e as particularidades das focas. Nenos e maiores marabillados co mundo mariño e sendo respectados por un día que prometía chuvioso pero que finalmente lociu solleiro. Tal foi así que o xantar se fixo ao aire libre, no Parque de Santa Margarita. Un momento especial, de falar e compartir e sen os agobios das excursións que o prentenden mostrar todo. Coa Fervenza de Ouzande as visitas son moi selectas, imprimíndolle máis valor ao tempo de conversa e ao autocoñecemento. A tarde foi de excepción, a deseñadora Rosa de Cabanas, arquitecta, fixo de guía, mostrando unha Coruña que asombou non só aos ouzandeses, senón tamén aos veciños da cidade que se uniron ás explicación, atopando respostas á razón de existir de tan preciosa cidade. A Coruña medieval, a pegada da poetisa Rosalía  de Castro, como era e como é o mar da Coruña, o Paseo do Parrote, como foi na época romana, coa Ilustración... foi moito o que se aprendeu en moi pouco tempo, cun paseo agradable e proveitoso. Ao remate un chisco de tempo libre para perderse pola cidade e para vivila antes de partir de novo para Ouzande, matinando cal será o destino do ano vindeiro...
Explicacións na Casa dos Peixes

Foto de grupo 

A Coruña de María Pita

Paseo pola Coruña medieval

foto de grupo nun dos recantos agochados máis fermosos da cidade.

17 de maio de 2016

O Día das Letras de Manuel María:::

Hoxe Galicia celebra dun xeito especial o Día das Letras ao estar dedicado ao "poeta nacional". Aínda
que a cerna das actividades son en Outeiro de Rei, a nosa comarca tamén homenaxea e dá a coñecer ao "Muiñeiro das Brétemas". Ao tempo que o Consello da Cultura Galega celebra un concerto na Coruña con versos do chairego e a Real Academia centraliza todos os actos na Casa natal do poeta, A Estrada acolle a Ruta das Letras, Santiago a marcha en defensa do idioma lembrado que "o galego é vida" e a TVG organizou unha completa programación que culminará esta noite coa estrea do filme A Esmorga.
Desde Portal de Noticias homenaxeamos diariamente as nosas letras, usándoas de ferramenta para comunicar todo canto pasa pola nosa redacción. Hoxe, tamén, rendimos tributo ao poeta do POBO-TERRA-FALA difundindo estes versos que elevan os traballos do pobo á categoría de poesía musical. Veñen interpretados polo grupo Gelría (grupo internacional con produción estradense) que estes días presenta por toda Galicia "Cantos de poeta". 


Fanse zocas pechadas e chinelas
en Loentria, Duarría e Formarán.
Non hai zocas xeitosas como elas:
¡ben lle caen ó pé  e ben se tran!
Foron afumadas cun casqueiro.
Ó andar son ledas, cantareiras.
¡Aunque feitas de bido ou amieiro
son, como o vento, de lixeiras!

A gracia da abidueira
atopou o seu destino,
¡fíxose zoca chinela,
apreixa un pé feminino!


Fíxose zoca chinela
a abidueira lanzal.
¡Agora sobor da acera
canta con voz musical!

A zoca xa é canción
delgada como asubío
que aprendeu a abidueira
dos melros de xunto ó río.

Fíxose zoca chinela
a gracia da abidueira.
¡E vai marcando na acera
os puntos da muiñeira!
Galicia rinde homenaxe a Manuel María e ao noso idioma. Imaxe tomada en Melide
Casa-Museo de Manuel María en Outeiro de Rei (Lugo):

15 de maio de 2016

Ruta das letras para homenaxear a Manuel María:::

A Fervenza de Ouzande organiza a XI RUTA DAS LETRAS, será coa "Ruta do río Gallo" na mañá do vindeiro día das Letras, o martes17 de maio. A participación é libre e gratuíta, só hai que estar ás 10 da mañá ao carón da igrexa de Ouzande e teñen previsto o regreso para as 13:30 no mesmo lugar. Ao final do roteiro, todas as persoas participantes serán agasalladas cun libro en galego en conmemoración do Día das Letras.

24 de abril de 2016

Escolares da Estrada, Laxe, Melide e Palas de Rei interaccionan coa natureza da Fervenza de Ouzande:::

Que a aprendizaxe non se circunscribe unicamente ao ámbito dos pupitres demostrárono hoxe o centenar de escolares que se mimetizaron coa natureza na Fervenza de Ouzande. Trátase dunha iniciativa conxunta de varios centros escolares de secundaria que organizan "roteiros teatralizados" polas súas contornas naturais e hoxe os anfitrións foron os alumnos e alumnas do IES Antón Losada Diéguez da Estrada. Ás 11 déronse cita no Teatro Principal da Estrada para mostrar o bo facer dos grupos de teatro de cada centro e contra as 13h achegábanse en autobuses a Ouzande onde foron recibidos por membros da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande con quen descubriron de primeira man esta paraxe natural. Os máis de 100 visitantes organizáronse en dous grandes grupos e foron guiados polos alumnos estradenses pola Costa da Labrada e carreiro das Tomadas cara ao Muíño do Rubio. Polo camiño os propios escolares recitaron poemas no medio dos carballos e acivos e chegados ao seu destino puideron ver unha escena teatral na que un home de negocios falaba por teléfono indignado porque naquel lugar "coidado" todo estaba como cando era neno, imposibilitando que puidese investir en negocios de comida rápida. Cun sorriso nos labios, os rapaces e rapazas foron guiados polo son dunha muiñeira cara a canle do Muíño do Rubio onde os agardaba unha representación de Recanto para cantarlle un par de pezas subidos a un escenario natural moi especular. Confundíndose os sons da música e as voces so marurio da auga, a ruta proseguiu ata a propia Fervenza, onde un profesor lles contou un conto breve. O regreso cara a a aldea había ter unha parada máis, desta volta para que un grupo de rapaces contasen dúas historias recollidas no lugar baixo os carballos da Carballeira do Cura. Acto seguido dirixíronse ao Campo da Festa de Ouzande onde gozaron dun xantar campestre, quedando citados para a próxima ruta que han celebrar en Laxe o 28 deste mes.
Desde o IES Antón Losada mostrábanse contentos e orgullosos polo ben que saiu a actividade ao tempo que recordaban que era a terceira vez que o intentaban facer. Aínda así en 2015 chegaron a facer unha actividade alternativa no Local Social de Ouzande en substitución da camiñata e que resultara moi satisfactoria.