14 de outubro de 2014

O local social de Ouzande acollerá o curso "Tear, Ganchillo e trapillo":::

A profesora, María Gaiteiro, impartindo outro curso.

Haberá unha reunión para presentalo, anotarse e decidir o horario este domingo 19 ás 18h.


Este domingo, o local social de Ouzande acolle unha reunión convocada pola Asociación Cultural A Fervenza co fin de presentar unha nova actividade deste "outono cultural". Trátase dun curso de "Tear, ganchillo e trapillo". Segundo informaron fontes da organización, nesta xuntanza explicaranse os "contidos do curso, así como os prezos do mesmo e as datas nas que se realizará". Esta técnica de tecido permite a construción de tapetes, manteis, cobertores ou alfombras sen precisar grandes medios. O curso está dirixido a todo tipo de públicos e aberto a quen non sexa socio da entidade. Esta actividade conta con prazas limitadas polo que cómpre que as persoas interesadas acudan á reunión.
Cartel da actividade.

12 de outubro de 2014

Paseo de outono desde Ouzande ata Castrorramiro:::

Foto de grupo dos sendeiristas.
O outono foi o fío condutor da ruta que esta mañá levou a unhas 15 persoas a percorrer os montes das parroquias de Ouzande e A Somoza. Saíron ás 10 da mañá da igrexa ouzandesa en dirección á Fervenza, onde visitaron os muíños e o Pozo. Atravesaron polo monte de Ouzande por diversos camiños onde gozaron da estación outonal, sobre todo pola diversidade de cogomelos pero tamén con diversos detalles que se foron atopando coma por exemplo un nespereiro. A ruta discurriu baixo os carballos da Somoza para desenvocar no lugar de Castrorramiro. A volta fíxose por outros lugares da Somoza para entrar en Ouzande polo Topete e finalizar sobre a 1 e media do mediodía no mesmo punto de partida. En total foron uns 12 quilómetros os que percorreron os sendeiristas nesta II Ruta do Outono, organizada pola Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande.

Foto de grupo na saída.
O grupo atravesou a contorna dos muíños da Fervenza.
A Ruta cruzou o Pozo da Fervenza.

Foto de grupo na Fonte da Somoza.


Aplausos no Teatro Principal para D.E.P.:::

O Teatro Principal da Estrada acolleu esta fin de semana dúas representacións de D.E.P., a última produción de Malasombra Teatro. As funcións foron o venres e o sábado ás 21h e deixaron moi bo sabor de boca no numeroso público que asistiu á cita. Xoque Carbajal e Jouse García encarnan a Carlos e Fran, dous irmáns que inician unha discusión pola herdanza ante a enfermidade de súa nai. Unha temática moi dramática pero tratada con moito humor que levou ao público da tensión ás gargalladas. Na representación contaron coa colaboración de Patricia Rodríguez. Á saída o público valoraba moi positivamente tanto os aspectos técnicos (decorados e luces) coma o texto e a posta en escena. Quen perdese este espectáculo e estea interesado en gozar de futuras representacións de D.E.P. pode consultar o calendario de actuacións na web de Malasombra Teatro.
Jouse e Xoque nun momento da representación.

Fran e Carlos discuten pola herdanza de súa nai, aínda viva.

"Unha herdanza se problemas non é unha herdanza, é unha miragre"

Éxito de público no Principal da Estrada.

8 de outubro de 2014

Malasombra Teatro presenta "DEP", a súa última produción no Principal da Estrada:::

Os vindeiros venres 10 e sábado 11 de outubro ás 21h representarase a obra D.E.P “Descansa en paz", unha produción de Malasombra Teatro. Trátase dunha comedia recomendada para maiores de 14 anos. A obra conta con Xoque Carbajal e Jouse García no reparto e conta a historia dunha anciá que se enfrenta ás súas enfermidades con moitas ganas de vivir. Os seus fillos de 42 e 50 anos serán os protagonistas desta comedia cos seus segredos inconfesables e problemas económicos e persoais.
A obra foi presentada hoxe por Xoque Carbajal no Concello da Estrada, quen explicou que unha herdanza sen problemas non é unha herdanza senón unha miragre, anticipando por onde van ir os tiros desta comedia. O prezo das entradas é de 5 €. A estrea foi en Vilamartín de Valdeorras e esta será a cuarta función desta nova produción.
Jouse e Xoque nun momento da representación.
Venres 10 e sábado 11 ás 21h no Teatro Principal da Estrada. DEP

II Ruta do Outono, o próximo domingo 12 de outubro polos montes de Ouzande e A Somoza:::

cartel da actividade.

Dentro da programación cultural de outono programada pola Fervenza de Ouzande, o próximo domingo 12 celebrarase un roteiro de sendeirismo. A cita é ás 10 da mañá diante da igrexa parroquial de Ouzande e levará aos camiñantes polos montes de Ouzande e A Somoza, está previsto que visiten os Muíños da Fervenza, as frondosas carballeiras da Somoza e o lugar de Castrorramiro. A chegada está prevista para a unha e media do mediodía. Ainda que as previsións meterolóxicas ofrecen bo tempo para o roteiro, a organización aconsella levar roupa impermeable e cómoda. A actividade é gratuíta e aberta a todos os que queiran participar, tendo os menores de idade que ir acompañados dun adulto.


Imaxe de arquivo da I ruta de outono.

grupo participante na primeira edición da Ruta do Outono.

Comezaron as clases de música tradicional da Fervenza de Ouzande:::

Horarios das distintas disciplinas.
O local social de Ouzande acolleu o pasado sábado 4 de outubro o inicio de todas as disciplinas de música e baile tradicional que organiza a Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande. Preto de 70 persoas participan nas distintas disciplinas que oferta a escola da asociación. As clases de acordeón son as máis madrugadoras (10.30h), en percusión tiveron que organizar dúas quendas, unha para iniciación ás 10.30h e outra de perfeccionamento ás 11.30h. As clases de gaita continúan cos dous niveis e aumentaron alumnado, os de iniciación acoden ás 11.30h e as de perfeccionamento ás 12.30h. Polas tardes hai clase de pandeireta ás 16.30h e de baile ás 20.30h. O grupo de canto tradicional é o máis numeroso en canto alumnado (sobre 20 persoas) e tamén o máis serodio pois ocupa a franxa nocturna (ás 22h) A organización informou de que aínda que todas as disciplinas comezasen as clases, aínda é posible inscribirse nalgunhas disciplinas. As persoas interesadas poden poñerse en contacto con eles no correo carreirosouzande@gmail.com ou no teléfono 986510285.



Clase de tamboril con Fofi (Xosé Martíns, primeiro pola esquerda) FOTO: A Fervenza de Ouzande.

grupo de iniciación a gaita, clases impartidas por Marcos Varela. FOTO: A Fervenza de Ouzande.

Clase avanzada de gaita con Marcos Varela (primeiro pola dereita) FOTO: A Fervenza de Ouzande.

clases de baile tradicional impartidas por Silvia Martínez. FOTO: A Fervenza de Ouzande.

Pandeireta, disciplina impartida por Silvia Martínez (primeira pola esquerda) FOTO: A Fervenza de Ouzande.
grupo de cancións tradicionais co profesor Marcos Varela (primeiro pola esquerda)
FOTO: A Fervenza de Ouzande.

Derriban o sinal de Stop na entrada de Ouzande:::

Na madrugada do pasado sábado 4 de outubro producíase unha saída de vía na entrada de Ouzande que se saldou con diversos danos materiais. O sinal de stop entre a estrada local da parroquia e a comarcal A Estrada-Forcarei quedou tombado na beiravía. Os restos do accidente tamén se deixaron sentir na veiga de millo veciña.
Nos últimos días sucedéronse os accidentes de tráfico na zona, o máis grave acontecía o pasado venres na parroquia de Niguoi e saldouse con dous veciños de Sabucedo feridos de gravidade. O sábado e na parroquia de Matalobos, unha veciña de Lalín tiña que ser excarcelada logo de que o seu vehículo saíse da estrada nacional 640 na zona de Río de Sapos. Onte un autobús escolar sufría un accidente no lugar do Sol, en Rubín, con dous feridos de consideración.
O inicio das chuvias outonais está a acentuar a perigosidade das vías polo que cómpre extremar a precaución.
O sinal de Stop amenceu no chan.


estado do sinal

Imaxe do accidente do Sol, fonte: La Voz de Galicia