8 de novembro de 2014

Retiran algúns dos voluminosos nas inmediacións do Punto Limpo:::

Algúns dos lugares que hai días aparecían cheos de distintos tipos de residuos sólidos gozan hoxe de mellor aspecto logo de que fosen retirados. Aínda así restan por eliminar os cascallos de obra pois só levaron os anacos de voluminosos que emporcaban as inmediacións do Punto Limpo da Estrada, ubicado no lugar de Penerada. 
O lixo que se pode ver ciscado pola zona está principalmente nas zonas de fácil acceso para vehículos, como é a pista forestal de Zoo, preparada para que os camións do parque eólico transporten grandes pesos, deste xeito a zona afectada é a que linda entre os municipios de Cuntis e A Estrada. De feito, a zona que limparon localízase preto da Areeira, pero do lado dereito en sentido ascendente polo que pertence ao lugar de Ferreiros, xa en Arcos de Furcos. 
Son precisamente os concellos os que teñen potestade para multar aos infractores por delitos medioambientais así como outros organismos desta área coma o Servizo do Seprona da Garda Civil. As penas poden ser de cárcere ou multas segundo a gravidade do delito, agravándose se afectan a cursos de auga ou hai risco de filtracións de elementos químicos na terra e máis aínda se lle afecta á flora e fauna.
Aspecto da zona limpa.
Restan por retirar algúns cascallos de obra
Restos de cerámicas, tellas e tixolo na zona.

Arranca o curso de "Tear, trapillo e ganchillo" no local social:::

No local Social de Ouzande deu comezo esta semana o curso de "tear, trapillo e ganchillo" impartido por María Gaiteiro e organizado pola Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande.
As clases prolongaranse por un período de tres meses, os martes de 20h a 22h. Nel participan unha quincena de persoas e o obxectivo do mesmo será dominar as técnicas de ganchillado e traballo en tear de bastidor así como a de confección de alfombras de trapillo, desta maneira, as alumnas que participan desde o día 4 no curso poderán confeccionar diversos tipos de prendas de vestir e da casa (ponchos, alfombras, tapetes, colchas... ) así como accesorios (bolsos, cestos de trapillo, adornos para outras prendas, estoxos...)

Primeiros momentos do curso.
Tear con bastidor

5 de novembro de 2014

Guimarei celebra un magosto veciñal este sábado 8 ás 21h:::

O local social do Outeiro, en Guimarei acollerá este sábado 8 de novembro o seu tradicional magosto veciñal. Segundo anunciou a Asociación de Veciños Santa Apolonia, aproveitarán este encontro social para inaugurar definitivamente as obras de remodelación do local, logo de que rematasen os traballos de pintado e tralas obras que durante todo o ano se foron facendo para recuperar o local logo de que no Nadal de 2013 un temporal levase polo aire a cuberta do edificio. No transcurso da velada contarán con música tradicional ao vivo e diversos manxares de balde.
Cartel da actividade


Estado do local tralo temporal 

Magosto de 2013 Fonte: Asociación de Veciños Santa Apolonia de Guimarei

4 de novembro de 2014

Comeza a rodaxe da serie de TV "Hotel Almirante" na Coruña e Lugo:::

Xoque nunha sesión de rodaxe en Betanzos
A Coruña e Lugo acollerán as localizacións da miniserie de TV da TVG Hotel Almirante na que participa o actor Xoque Carbajal. Os traballos de rodaxe xa comezaron o día 27 de outubro e estenderanse ata o mes de decembro.
Hotel Almirante conta a historia que se crea a partir da aparición dun cadáver dunha moza no cuarto dun hotel. O que ab initio semella un suicidio torna en asasinato trala publicación dunha carta escrita pola defunta e implica ao seu mozo, pertencente a unha familia pudente da cidade.
Esta miniserie está dirixida por Antonio Cuadri e conta cun elenco encabezado por Ana Turpin, Fernando Tato, Rosalía Castro, Xoque Carbajal e Mariana Expósito.

Preparativos da rodaxe

Elenco de Hotel Almirante

Este venres Sinerxía ofrece un concerto para gravar un disco ao vivo no Teatro Principal:::

Cartel do concerto
O próximo venres día 7 de novembro o Teatro Principal da Estrada acollerá unha experiencia musical única, trátase da gravación do disco de Sinerxía en directo. Será ás 21:30h e a entrada é totalmente gratuíta. Sinerxía estará acompañado de distintos artistas convidados pero sobre todo da enerxía do público co que procurarán facer unha sinerxia para crear a gravación de Un+un=3. Reivindican así a música en directo. Contan coa colaboración do Concello da Estrada, tal e como explicaron en rolda de prensa o pasado luns no Salón de Plenos do Concello da Estrada.
Sinerxía conta coa voz de Lucía Azurmendi e con Noli Torres na batería, Javier Rabanal no baixo e contrabaixo eléctrico e mais con Miguel Carbajal na guitarra. Algunhas das colaboracións que haberá neste concerto foron adiantadas nesta presentación, contarán cun coro de voces de alumnado de 4º da ESO do IES Manuel Garcia Barros, coa Agrupación Tequexetéldere ou cun dos profesores da escola de música Rock de Santiago, así coma cun grupo instrumental.
Sinexía presentando o concerto en rolda de prensa no Concello da Estrada.

O "Pub Rocker" acolle este sábado un concerto de "KAMBOTES":::

Kambotes recala de novo na Estrada, e faino no "Pub Rocker" este sábado día 8 de novembro as 01:30h para presentar o seu último disco "A hostia inversa".  Kambotes vén da comarca do Deza, en concreto no val de Camba que lle dá nome. Naceron aló polo 1990, e sete anos despois gravan unha maqueta "poesía de la calle con crítica social y espíritu rockero", o seu primeiro disco foi en 1999 "Traicionero popular" co que xa percorreron salas de toda Galicia. En 2001 virá "Eutrapelia" un CD con dous temas en galego; "taberneiro" e "palabras dun vello". En 2002 sacan á luz "Rumor cerebral" que contén a peza "manipulación". Teñen un parón de catro anos, pero retomaron o traballo e os palcos co seu último disco "La hostia inversa". "Carallas" e "A ostia inversa" son dous dos temas máis significativos deste último traballo que presentarán este sábado no Rocker da Estrada. Kambotes está formado por rapaces do Deza e da Estrada; Óscar é o gaiteiro nalgunhas pezas, e vocalista da banda canda a Manu. Na batería está Tomás, Javi no baixo e Jaime e Carlos Porto nas guitarras.
Integrantes de Kambotes
Programación do Pub Rocker para este mes.

2 de novembro de 2014

Xoguetes e manxares de outono en Ouzande:::

cartel da actividade 
Que sexa esta a época do ano na que se dá a caída da folla ou cando comeza a redución de horas de luz non quere dicir que o outono non sexa unha estación propicia para a festa. Ou alomenos así o entenden desde hai anos na Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, xa que ofrecen unha completa festa que ten como eixo temático esta estación do ano; o outono.
Será o próximo sábado 8 de novembro no local social da parroquia, a actividade comeza ás 18h aínda que haberá animación ata a madrugada. 
A primeira das propostas está dirixida para todos os públicos pero especialmente para os máis pequenos da casa, pois ofrecen un Obradoiro de Xoguetes de Outono. Trátase de que cadaquén confeccione o seu "xoguete de outono" partindo dos produtos cos que nos agasalla esta estación; castañas, landras, follas... A partir das 20,30h comeza a proposta de magosto no que a protagonista é directamente a castaña, tanto asada como acompañada de viño e chourizos ou con dóces elaborados a partir deste froito. Estes postres están elaborados polos socios e socias da Fervenza e calquera persoa que se anime a participar. Outro dos compoñentes desta proposta lúdica de outono será a música, posto que acturá o grupo Retrouso, a formación de pandereteiras da Fervenza, o grupo de canto tradicional Recanto, tamén haberá baile tradicional. Con todo isto seguro que Ouzande ha vivir unha festa do outono lúdica, dóce, musical e gastronómica.
Algúns dóces elaborados en edicións anteriores desta festa. Foto de arquivo.
Propostas gastronómicas doutras edicións. Foto de arquivo.